O Consorcio Provincial de Incendios dota dun novo vehículo ao parque de bombeiros de Monterrei

Compartir

  • Pablo Pérez e Santiago Villanueva participaron hoxe na presentación do vehículo Autobomba Urbán Pesada adquirido recentemente polo Consorcio que comezará a prestar servizo desde hoxe.

  • Desde o ano 2016, o Consorcio investiu preto de 2 millóns de euros na mellora do servizo desta entidade destinando dito orzamento á adquisición de novos vehículos, equipamento, reforma e construcións de infraestruturas nas catro sedes do parque provincial, explicou Pablo Pérez.

Ourense, 10 de marzo de 2020.- O Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento de Ourense adquiriu recentemente un vehículo Autobomba Urbán Pesada que foi presentado hoxe, no parque de bombeiros de Monterrei onde, desde hoxe, comezará a prestar servizo. A presentación deste novo vehículo tivo lugar hoxe nas instalacións do parque de bombeiros de Monterrei, acto no que participou o presidente do Consorcio, Pablo Pérez; e o director xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia, Santiago Villanueva.

Este novo vehículo está dotado con equipos de excarceración, de respiración, de rescate (padiolas, arneses integrais, taboleiros espinais e cordas), cámara de visión térmica, equipo sanitario, de sinalización (megafonía e sirenas), equipo de intervención contra lume (lanzas, mangueiras e bifurcacións), e equipo de comunicacións rede TETRA.

Desde o ano 2016, o Consorcio investiu preto de 2 millóns de euros na mellora do servizo desta entidade destinando dito orzamento á adquisición de novos vehículos, equipamento, reforma e construcións de infraestruturas nas catro sedes do parque provincial, explicou o presidente do Consorcio. Neste sentido, Pablo Pérez destacou a aposta e o compromiso da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia a prol de "mellorar constantemente con novos investimentos o servizo que presta o Consorcio, por consideralo fundamental para a seguridade da nosa provincia".

Así mesmo, o presidente do Consorcio lembrou que nestes últimos catro anos "abrimos o parque do Carballiño-Ribeiro, que levaba 13 anos bloqueado, dotando a estas dúas comarcas dun servizo profesional". Nese repaso polos investimentos realizados nos últimos anos, Pablo Pérez tamén sinalou que no ano 2016 "presentamos o coche escaleira para a comarca da Limia, completando así os catro parques de bombeiros con este servizo".

Para os vindeiros anos –adiantou Pablo Pérez- o Consorcio proponse novos retos: "continuar a innovar e renovar esta entidade en material e infraestruturas, acometendo o posible cambio de xestión do servizo e pechando o mapa provincial de emerxencias da provincia de Ourense".