A comisión de Cultura aborda a concesión do recoñecemento de Fillo Adoptivo da Provincia a José Luis Cuerda, a título póstumo
Ourense, 22 de xullo de 2020.- As comisións informativas da Deputación de Ourense correspondentes ao mes de xullo celebran hoxe e mañá as súas reunións no Pazo Provincial. Na de Cultura abordarase a ratificación da decisión de incoar expediente para o outorgamento, a título póstumo, da distinción de Fillo Adoptivo da Provincia de Ourense ao cineasta José Luís Cuerda, solicitando designar á deputada provincial Patricia Torres como instrutora do expediente. Esta mesma comisión tamén aborda a proposta de concesión da medalla de ouro da provincia ao lexicógrafo Isaac Alonso Estraviz.
Por outra banda, a comisión informativa de Cooperación tratará a expropiación forzosa para a execución das obras de acondicionamento e mellora integral na OU-1006, Vilardevós-Vilarello da Cota; mentres que a comisión de Transparencia e Administración Provincial abordará a ratificación do acordo da Xunta de Goberno do 29 de xuño, de aprobación da adhesión da Deputación de Ourense á Rede de Entidades, e tamén tratará a autorización ao deputado provincial Rafael Rodríguez Villarino para compatibilizar o exercicio do seu cargo en réxime de dedicación exclusiva co desempeño a tempo parcial do posto de traballo de profesor asociado T3-P5 na Universidade de Vigo.
Finalmente, a comisión Especial de Contas, Facenda e Economía abordará a modificación do acordo de liquidación de prezos públicos pola prestación de servizos e realización de actividades no Pazo dos Deportes "Paco Paz"; e a celebración de campamentos de verán e fixación do prezo público en concepto de cota de inscrición, e tamén a fixación de prezo público de edicións. Esta comisión tratará, asemade, o informe da Conta Xeral da Deputación, do Inorde, do Consorcio provincial do servizo contra incendios e salvamento e do Consorcio de Augas de Valdeorras, correspondente a 2019; e a delegación na Deputación das competencias de xestión, liquidación e recadación da taxa polo abastecemento de auga do Concello de Rairiz de Veiga.