Rosendo Fernández reivindica o papel dinamizador das centrais hidraúlicas e reclama unha resposta ao fin das concesións
• En Aínsa (Huesca) durante unhas xornadas sobre enerxías sostibles, o vicepresidente da Deputación destacou que grazas á potencia do sector hidráulico Ourense xera o 40 % da enerxía limpa de Galicia, "situándonos así á cabeza da enerxía renovable no territorio galego, con 43 concellos con auga encorada que pola súa capacidade de almacenamento será a fonte de enerxía do futuro"
Ourense, 18 de xuño de 2021.- O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participou hoxe nunhas xornadas sobre enerxía sostible celebradas na localidade de Aínsa (Huesca) e organizadas pola entidade de municipios Esmontañas e pola Federación de Asociacións e Municipios con Centrais Hidráulicas e Encoros (Femembalses), encontro no que reivindicou o papel dinamizador que teñen os encoros nos concellos do rural, especialmente na provincia de Ourense, tanto desde o punto de vista económico como social e de reto demográfico.
Rosendo Fernández subliñou que "mentres o Goberno quere dar un impulso ás enerxías renovables nas zonas rurais como factor de desenvolvemento, as concesións das centrais hidroeléctricas están chegando ao seu fin e compre dar unha resposta axeitada para non poñer en perigo aos territorios que teñen este tipo de instalacións e masas de auga, pero ademais establecer mellores condicións para os concellos con estes encoros e centrais, que xa no seu momento fixeron un gran sacrificio, ao igual que os seus habitantes, cando se puxeron en marcha".
Unha situación particularmente preocupante en Ourense, explicou, "onde grazas á potencia do sector hidráulico xeramos o 40 % da enerxía limpa de Galicia, situándonos así á cabeza da enerxía renovable no territorio galego". Con 25 centrais hidroeléctricas e 3.434 megavatios de potencia instalada, 29 instalacións minihidráulicas e máis de 1.700 hectómetros cúbicos de auga encorada en 43 concellos, "a provincia de Ourense convértese no mar interior de Galicia, cun ouro líquido que produce enerxía renovable, xera riqueza no rural e que temos que aproveitar por responsabilidade co territorio". Nesta liña puxo de relevo que "a enerxía do futuro pasa necesariamente polas fontes renovables, agora que o uso dos combustibles fósiles está chamado a desaparecer", pero significou que "as verdadeiras protagonistas desas renovables serán aquelas que teñan capacidade de almacenamento, e esa é precisamente a enerxía hidráulica".
En nome do presidente da Deputación, Manuel Baltar, que ocupa a vicepresidencia primeira de Femembalses, Rosendo Fernández subliñou o traballo que está a desenvolver a institución provincial para dinamizar os encoros máis aló tamén do ámbito enerxético. "Cando no século pasado anegouse o territorio vivíronse momentos moi difíciles, pero na actualidade somos conscientes de que estas láminas de auga teñen un grandísimo potencial para desenvolver o noso territorio, como polo de atracción de visitantes con instalacións e servizos cada vez mellores e de máis calidade, e acollendo probas deportivas nacionais e internacionais que nos están a converter en todo un referente".