A Deputación estuda colaborar co produtor Xavier Font para unha nova rodaxe en Ourense

Compartir

Ourense, 20 de xuño de 2021.- A Deputación de Ourense estudará a colaboración nunha nova longametraxe que, na súa meirande parte, tería como localizacións diferentes puntos da provincia. Así o anunciou o presidente da Deputación, Manuel Baltar, logo de escoitar os detalles do proxecto no que está a traballar o recoñecido produtor e compositor musical Xavier Font, co que se reuniu no Pazo Provincial. Coa rodaxe prevista entre 2022 e 2023 e baixo o título A filla de Isaura, a película conta a historia dunha muller de cidade que regresa a unha aldea da Galicia fronteiriza para soterrar á súa nai.

Manuel Baltar destacou que esta nova proposta de colaboración, que agora será estudada pola área de Cultura e o equipo artístico e técnico do OUFF, "é un exemplo máis da decidida política da Deputación por converter Ourense nun excelente e inmenso plató para as producións audiovisuais, vinculando o noso territorio coa sétima arte, o que nos permitirá seguir profundando nese camiño que iniciamos ao asumir a organización do Festival Internacional de Cine de Ourense, onde agardamos a estrea da última película rodada en Ourense, Malencolía, de Alfonso Zarauza".

Cunha longa traxectoria na composición de música para cine, televisión e publicidade, Xavier Font colabora con numerosas produtoras nacionais e internacionais. Membro da European Film Academy, da Academia de Cine de España e da Academia Galega do Audiovisual, Font conseguiu en tres ocasións o premio "Mestre Mateo" á mellor música orixinal por Hierro, La Sombra de la ley e O Apóstolo, onde colaborou co estadounidense Philip Glass. Tamén estivo nominado á mellor canción nos Premios Goya de 2010 por Agallas e no 2019 á mellor música orixinal por La Sombra de la Ley. En 2020 foi recoñecido o seu traballo na serie Hierro, e tamén na película O que arde, da que foi produtor musical.