A Deputación destina preto de 400.000 euros en axudas para cooperación con concellos
Ourense, 12 de xullo de 2021.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe a concesión de preto de 400.000 euros para a execución de programas e proxectos no ámbito da cooperación local. Así, o Concello de Castrelo de Miño recibirá máis de 18.000 euros para a redacción do plan Estratexia de Desenvolvemento Sostible, cantidade semellante que tamén percibirá o Concello da Mezquita para actuacións arqueolóxicas no castelo pequeno de Santigoso, mentres que Chandrexa de Queixa contará con preto de 8.700 euros para sinalización de estradas. O Concello de Lobeira, pola súa banda, disporá de dúas subvencións, por importe de 48.000 euros cada unha delas, para un primeiro proxecto de acondicionamento de rúas en Parada do Monte e Vilariño de Santa Cristina, así como para a mellora do firme en Vilariño de San Xés e os accesos ás localidades de Fradalvite e Santa Cruz.
Ademais, o Concello de Oímbra recibirá unha subvención de preto de 19.000 euros para o cofinanciamento do Plan Hurbe para o núcleo de San Cibrao; A Peroxa percibirá 14.500 euros para melloras na piscina municipal; Porqueira contará con 17.000 euros para cofinanciar un proxecto do IDAE de eficiencia enerxética no alumeado público, case que a mesma cantidade que a destinada ao Concello da Teixeira con idéntica finalidade.
Tamén foron aprobadas dúas achegas por importe de 48.000 euros cada unha delas aos concellos de Punxín para barreiras de seguridade nas estradas municipais, e Vilamartín de Valdeorras para obras en rúas. Unha cantidade semellante á destinada a San Cristovo de Cea para pavimentación de beirarrúas no polígono empresarial. Pola súa banda, Xunqueira de Espadanedo disporá de 25.000 euros para a reparación de danos ocasionados pola riada nas beiras da estrada que une a capitalidade do municipio con Parada do Sil.
A Xunta de Goberno tamén aprobou unha achega de máis de 18.500 euros á Diocese de Ourense, destinada á limpeza da fachada, reparación da cuberta e drenaxes na igrexa de Santiago de Vilarmartín de Valdeorras. Cómpre engadir, por último, unha modificación do plan provincial de cooperación no Concello de Monterrei, que cambiou o proxecto inicialmente previsto pola execución de obras de depuración e saneamento na Madanela e Albarellos, cun orzamento próximo aos 48.000 euros que achegarán a Deputación e o Concello a partes iguais.