Pesar na familia das Xornadas de Folclore polo repentino falecemento do director do grupo sudafricano

Compartir

George Ofilant (53 anos) faleceu esta noite por causas naturais mentres se encontraba no seu aloxamento no Centro Residencial Docente de Ourense e despois de ter participado na cerimonio inaugural das Xornadas

Ourense, 8 de Agosto de 2023.- A organización das XXXVIII Xornadas de Folclore informa do falecemento, esta noite e por causas naturais, do director do grupo Amezabra de Sudáfrica, George Ofilant (53 anos), mentres se encontraba no seu aloxamento no Centro Residencial Docente de Ourense e despois de ter participado na cerimonia inaugural das Xornadas, celebrada onte a tarde no Teatro Principal.

A Deputación de Ourense, co seu presidente á cabeza, Luis Menor, os membros da organización do festival, e os demais grupos participantes procedentes de Arxentina, Bolivia, Ecuador, Tahití e Ucraína, expresan as súas condolencias á familia de George Ofilant, así como aos componentes do grupo sudafricano, uníndose á súa dor por esta irreparable perda.

Luis Menor transmitiu á organización das Xornadas, ademais dos membros da agrupación de Sudáfrica, a posta a disposición de todos os medios da Deputación de Ourense para colaborar nos trámites de repatriación do falecido, que se están a realizar en coordinación coa Embaixada de Sudáfrica en Madrid.

A agrupación folclórica Amezabra suspende hoxe a actuación que tiña prevista en Bande, mentres que os demais grupos participantes continuarán co programa como homenaxe a un destacado membro do mundo do folclore. Tanto en Bande como na Rúa gardarase 1 minuto de silencio en memoria do director.