Manuel Baltar: “Ourense é o berce do cinema en Galicia

Compartir

• A 26ª edición do OUFF comezou hoxe cunha gala inaugural no Auditorio, conducida por Lucía Álvarez, que poñerá en valor a Ourense, desde hoxe ata o 2 de outubro, como espazo de encontro para o audiovisual

• Durante a mesma entregáronse catro premios: a Calpurnia de Honra Internacional a Leonor Silveira, o Premio da Fundación AISGE a Luma Gómez, o Premio OUFF Ourense a Alfonso Blanco e o primeiro Premio OUFF Chano Piñeiro que recibiu Beli Martínez

• Os asistentes á gala puideron visualizar a estrea da longametraxe Malencolía que puxo o punto e final a unha cerimonia que contou coa actuación musical de Cómplices

Ourense, 24 de setembro de 2021.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo que a 26ª edición do OUFF "significa a aposta máis importante do terreo cultural dunha provincia especialmente culta e vencellada á identidade, con capacidade de mirar ao futuro e á vangarda desde a esencia da súa historia". O presidente do goberno provincial lembrou que Ourense "é a provincia da Xeración Nós e a provincia que, desde a Deputación, en próximas datas, alumeará proxectos xa consolidados como é a sétima edición da "Ourense ICC Week" ou proxectos que vencellan a este territorio coa vangarda tecnolóxica como a "Ourense Mobile Week" que, grazas ao acordo co "Barcelona World Mobile Congress", celebraremos nos anos 2021, 2022 e 2023".

"Ourense é o berce do cinema en Galicia", afirmou o presidente da Deputación de Ourense, quen sinalou que "as alianzas coa Academia Galega do Audiovisual e fornecer esta iniciativa con convenios co cinema francés, ou a francofonía, mesmo a lusofonía, a internacionalidade destas edicións, dez premieres que se van a ver en Ourense nestas datas, demostran a gran capacidade organizativa da Deputación de Ourense e da Fundación Carlos Velo –única en Galicia do mundo audiovisual- e tamén do magnífico traballo do director artístico, Miguel Anxo Fernández e do coordinador do Festival, Aurelio Gómez Villar".

A Deputación de Ourense, nos vindeiros días, engadirá nas responsabilidades da deputada provincial de Cultura, "deputada de Cultura e Produción Audiovisual" porque Ourense é un "magnífico plató para calquera iniciativa que vencelle música e imaxe, así se pode comprobar na exposición dos 25 anos do Festival, que se exhibe estes días no centro cultural "Marcos Valcárcel", engadiu Manuel Baltar.

A 26ª edición do Festival de Cine de Ourense "non esquece aos grandes do cine español", afirmou Baltar, lembrando que dentro da programación desta edición "conmemoraremos os cen anos do nacemento de Fernando Fernán Gómez e de Luís García Berlanga, premiaremos a Enrique Cerezo polo seu labor de conservación do patrimonio audiovisual español e cinematográfico, e tampouco esqueceremos a internacionalidade da sétima arte co premio que hoxe entregamos á actriz portuguesa Leonor Silveira".

A gala inaugural do Ourense Film Festival que tivo lugar hoxe no Auditorio de Ourense dá comezo "a nove días de cine, de Ourense, de dar visibilidade a este territorio e, sobre todo, a nove días de interconexión co público ourensán que vai ter a oportunidade de ver en rigorosa estrea mundial películas que seguramente serán premiadas nos vindeiros meses en certames de carácter internacional", destacou o presidente da Deputación de Ourense, quen salientou que esta edición inaugúrase coa proxección de Malencolía, da man de Alfonso Zarauza, e clausurarase coa película Live is life, de Dani de la Torre, "ambas producións rodadas en Ourense e, polo tanto, transmiten e exhiben o mellor de nós: esa postal magnífica de natureza, historia e cultura".

Gala inaugural

Hoxe levantouse o telón da 26ª edición do OUFF no Auditorio Municipal da cidade que desde as 20.00 horas comezou a recibir ao público e persoeiros pola xa tradicional alfombra azul do Festival. A gala, que foi conducida por Lucía Álvarez, estivo marcada por unha sentida homenaxe ás figuras do cinema que nos teñen acompañado nos últimos anos. Nomes como Fernando Fernán Gómez e Luís García Berlanga, que estarán presentes nesta edición por mor do centenario do seu nacemento, soaron no Auditorio, xunto cun adianto do que se verá en Ourense nos vindeiros días: cine.

Cotolay, A língua das Bolboretas, A Esmorga, Sempre Xonxa subiron tamén as táboas do escenario porque se algo caracteriza estes 26 anos de Festival de cine é o recoñecemento e posta en valor de Ourense como plató universal de cinema, punto de encontro do audiovisual galego e porta de saída cara novos escenarios nacionais e internacionais.

A actriz e directora ourensá, Lucía Álvarez, vestida de Adolfo Domínguez, púxose aos mandos deste evento no que a emoción dos premiados fixo de fío condutor. E é que ata catro foron os premios, obras de Manuel Buciños, entregados durante o acto.

A actriz lusa Leonor Silveira recolleu a Calpurnia de Honra Internacional de mans do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. Luma Gómez, Premio da Fundación AISGE a toda unha traxectoria, recibiu o seu galardón de Isabel Blanco, delegada de AISGE en Galicia e o produtor Alfonso Blanco "Fosco" agradeceu o seu Premio OUFF Ourense. A entrega completouse co primeiro Premio OUFF Chano Piñeiro que recaeu en Beli Martínez. Luz Montes e Carmen Leyte foron as encargadas de facerlle a entrega.

Música e cine

O toque musical do acto correu a cargo do dúo Cómplices, que interpretaron a piano e voz varias cancións do seu repertorio. Foi o caso de "Un lugar en el mundo", "Rosa gnóstica", "Hombre lobo" e "Poeta Universal". Momento especial da cerimonia no que cine, música e literatura, presentes todos nesta edición, se uniron foi durante a lectura dun dos poemas de Rosalía de Castro por parte de Lucía Álvarez con Teo Cardalda ao piano.

A estrea da longametraxe Malencolía puxo o punto final a unha gala que serviu de repaso ás rodaxes que pasaron por Ourense, como é o caso da propia Malencolía. O seu director Alfonso Zarauza e parte do equipo da película subiron ao escenario antes da proxección para presentala diante do público asistente e cerrar o círculo que comezou coas gravacións en Boborás, O Irixo e O Carballiño.

Ourense volcouse un ano máis cun OUFF que, na súa 26ª edición, quere achegarse cada vez máis a un público fiel e comprometido. Foron moitas as caras coñecidas, representantes do mundo audiovisual galego e tamén os rostros anónimos que quixeron participar na gala inaugural tanto no patio de butacas como no photocall que este ano se colocou no exterior do Auditorio para que os verdadeiros protagonistas do festival, os espectadores, puideran gozar da alfombra azul. O cine, en definitiva, patrimonio de todos.

Arrancan as proxeccións

Dende mañá, sábado, ata o vindeiro venres, 2 de outubro, a cidade de Ourense será de novo epicentro dunha semana de cine, talleres, actividades paralelas, rutas, literatura, sesións especiais e cine, moito cine. Historias que se estrearán en Ourense (16 estreas, 10 delas a nivel mundial), longametraxes que se poderán ver por primeira vez na cidade e que que veñen de ser premiadas en festivais como Venecia, a Berlinale e Cannes, comedias, thrillers, documentais... En definitiva, 71 obras audiovisuais e títulos de primeiro nivel.

Haberá cine e máis premios fóra da sección oficial de longametraxes e curtos. O músico Sergio Moure recibirá o Premio OUFF Especial desta edición, a Calpurnia de Honra, o galardón máis importante do festival, irá a mans do director Gonzalo Suárez (Teatro Principal, o vindeiro luns 27 de setembro). O martes, a directora Ainhoa Rodríguez será premiada co Premio Eduardo Barreiros que recoñece á mellor ópera prima do cine español, e o mércores será o momento para José Coronado, que recibe o Premio OUFF Televisión. Enrique Cerezo recibirá o Premio OUFF Memoria do Cine Español e o presidente do xurado de Sección Oficial Iván Trujillo, o Veliano de Honra que outorga a Fundación Carlos Velo.