Recepción no Pazo Provincial á actriz portuguesa Lucía Moniz
Ourense, 29 de setembro de 2021.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial á actriz portuguesa Lucía Moniz, protagonista da película Listen, que participa na sección oficial de longametraxes do Ourense Film Festival. "Toda unha honra ter por primeira vez en Ourense a unha muller cunha enorme proxección na produción audiovisual portuguesa e internacional", dixo Manuel Baltar, logo de que a actriz asinara no Libro de Honra da institución provincial.
O presidente provincial interesouse polas orixes musicais de Lucía Moniz, que mesmo chegou a conseguir un sexto posto para Portugal no festival de Eurovisión en 1996, así como polo seus inicios no mundo do cine que están marcados polo éxito da produción británica Love actually (2003), onde compartiu reparto cos actores Hugh Grant, Emma Thompson, Alan Rickman ou Liam Neeson, entre outros, ademais da súa nominación aos premios Bafta pola película Fátima (2020).
Explicoulle tamén Manuel Baltar a fonda vinculación de Ourense con Portugal "polos lazos históricos, culturais, lingüísticos e económicos entre dous territorios que tamén comparten a fronteira máis extensa entre España e Portugal", relacións que se afianzarán coa sede en Ourense da Casa da Lusofonía.
Nesta mesma liña pronunciouse Lucía Moniz, que afirmou pola súa banda estar "encantada de fortalecer os lazos entre Galicia e Portugal e de que a súa película estea seleccionada para os premios da sección oficial".