A relación entre eventos e territorio, a análise na Ourense ICC Week 2021

Compartir

• Julen Martín de BIME, Miguel Astorga de Monkey Weekend, e Manuel Meijide de Mundos Digitales conversaron sobre como se pode engadir valor aos territorios coa organización de eventos culturais

• O programa do venres inclée a entrega dos premios Rodolfo Prada á xestión cultural, unha conferencia sobre a Mobile Week e unha mesa redonda sobre a arte culinaria e a súa presenza nos medios, ademais do concerto de Juan Perro & Sexteto e un espectáculo de humor na Rúa

Ourense, 14 de Outubro de 2021.- Muíños acolleu a programación da segunda xornada da Semana das Industrias Culturais, organizada pola Deputación de Ourense. Na localidade onde se atopa o Dolmen da Casiña da Moura, protagonista do cartel oficial desta edición, desenvolveuse o programa matinal cunha mesa redonda onde se debateu sobre como engadir valor aos territorios a través dos eventos culturais.

Julen Martín de BIME de Bilbao, unha das máis importantes feiras de referencia para a industria musical; Miguel Astorga, organizador da Monkey Weekend en El Puerto de Santa María, un festival de artistas emerxentes que se celebra en espazos únicos; e Manuel Mejide, responsable de Mundos Digitales na Coruña, o festival español máis importante en animación dixital, 3D, e gráficas en videoxogos, debateron sobre a relación dos eventos co lugar onde se desenvolven, destacando que se pode aportar máis valor cando a actividade se organiza en contornas máis pequenas, onde non hai unha oferta cultural similar, destacando máis e resaltando a importancia da deslocalización.

Trasladando eventos fóra das capitais e grandes cidades conséguese aportar unha experiencia extra tanto profesionalmente como no lecer dos participantes. Todos eles ademais insistiron na necesidade de que as institucións apoien os proxectos culturais, sobre todo cando se involucra o territorio, para intercambiar valor de marca.

A sesión do serán do xoves estivo dedicada á música e á literatura. O escritor e crítico musical Victor Lenore compartiu as súas reflexións sobre a industria, seguido dun espectáculo no que se mesturaba a poesía e música de Ajo micropoetisa e Nacho Mastretta. Rematou a xornada coa presentación do libro-disco 'Muerde aquel verso' de Le Voyeur.

Mañá venres a ICC Week trasládase ao Parador de Santo Estevo, onde se presentará a Mobile Week, a partir das 12,00 horas. Carlos Grau, CEO de Mobile World Capital, presentará unha cita que, do 19 ao 23 de noviembre reunirá en Ourense a especialistas e marcas que, a través de actividades públicas e gratuítas, acercarán á cidadanía as últimas innovacións tecnolóxicas, reflexionando tamén sobre como a transformación dixital pode mellorar a vida das persoas.

Tamén para mañá está prevista a entrega dos Premios Rodolfo Prada, dirixidos a profesionais da xestión cultural. Nesta edición foron premiados O Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), o proxecto Patrimoniogalego.net e o festival 'Carballo Interplay'. Así mesmo o xurado concedeu un Premio Especial ao creador ourensán Alfredo Iglesias, editor da coñecida revista 'Coralia', recentemente falecido. O acto de entrega dos premios celebrarase a partir das 19,00 horas no Centro Cultural Marcos Varcárcel.

A presencia da arte culinaria nos medios será o tema central dunha mesa redonda que se celebrará a continuación, onde participará Manuel Villanueva, director xeral de contidos de Telecinco e Mediaset España; María Ritter, directora da Guía Repsol; e Manuel Juliá, escritor e fundador de Fenavin, unha das feiras enolóxicas mais importantes de Europa. O programa rematará co concerto de Juan Perro & Sexteto no Teatro Principal, para o que aínda seguen a venda as entradas en ATaquilla e un espectáculo de humor na Rúa, no que participarán os cómicos galegos Marta Doviro, Sergio Pazos e Oswaldo Digon.

O acceso ás diferentes actividades será gratuíto aínda que debido a situación actual os aforos son limitados, polo que será necesario reservar invitación para cada evento na web woutick.com. Toda a información actualizada sobre as actividades da ICC Week atoparase na web www.ourenseiccweek.com e nas redes sociais da ICC Week.