A Deputación inicia o expediente para outorgar o título de Fillo Adoptivo da provincia ao comunicador Manuel Villanueva

Compartir

• A proposta, asinada por Manuel Baltar e que será presentada ao pleno para a súa ratificación, recoñece unha traxectoria profesional que "tense caracterizado por un apoio permanente a cantas iniciativas se lle teñen formulado desde Ourense"

Ourense, 9 de novembro de 2021.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou hoxe unha providencia pola que se inicia o expediente de outorgamento do título honorífico de Fillo Adoptivo da provincia ao comunicador, Manuel Villanueva, en recoñecemento a unha traxectoria profesional que "tense caracterizado por un apoio permanente a cantas iniciativas se lle teñen formulado desde Ourense". A proposta, que será presentada ao pleno para a súa ratificación, destaca ademais "o seu apoio persoal e a súa inestimable influencia por ser recoñecido actualmente como un dos directivos máis importantes da televisión en España".

Manuel Baltar asinou a providencia que dá inicio ao expediente na presenza do propio Manuel Villanueva e durante a audiencia que concedeu a Paolo Vasile, conselleiro delegado do grupo Mediaset España, estes días de visita por Ourense e que no seu momento foi recoñecido pola Deputación co título honorífico de "Ourensán do mundo enteiro".

A providencia tamén recolle a designación do vicepresidente da Deputación César Fernández como instrutor do expediente, que estará asistido polo asesor de Cultura, Aurelio Gómez Villar, que actuará á súa vez como secretario do expediente.

Manuel Villanueva de Castro (Marín, 1957) tivo unha intensa relación coa provincia de Ourense tanto na súa infancia como na adolescencia, gozando da vila do Carballiño durante varias semanas ao ano. Unha vila á que seguiu vencellado durante a súa etapa profesional na radio e na televisión autonómica galega, cubrindo informativamente todos os anos as Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia (Xociviga). A traxectoria de Manuel Villanueva dirixiuse con posterioridade cara á televisión privada, desempeñando o seu labor en Canal+ ata chegar, na actualidade, ao seu posto como director xeral de Contidos de Mediaset España.