A Deputación destina máis de 6,2 millóns de euros ao plan de cooperación ás obras e servizos municipais e á rede viaria provincial

Compartir

• No pleno ordinario de novembro, a corporación aprobou o programa do Ciclo da Auga, unha carta de servizos onde cada concello pode adherirse en calquera momento ás asistencias que necesiten en materia de abastecemento, saneamento ou augas de baño, así como o orzamento do Consorcio de Augas de Valdeorras, por importe de 1,4 millóns de euros

• No apartado de proposicións, o pleno adheriuse á declaración institucional da FEMP con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, sumándose "a todas as voces que claman por un futuro en igualdade", ademais de defender unha nova liña ferroviaria de alta velocidade que una de forma directa Ourense e Vigo e pedir unha reformulación da atención primaria na sanidade pública

Ourense, 26 de novembro de 2021.- O pleno ordinario da Deputación de Ourense, correspondente ao mes de novembro, aprobou hoxe inicialmente as bases reguladoras do Plan de Cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial para 2022, que contará cun orzamento de máis de 6,2 millóns de euros financiados na súa integridade pola Deputación. O investimento previsto na rede viaria provincial é de 1,5 millóns de euros, mentres que o relativo ás obras municipais, incluída a entidade local menor de Berán, supera os 4,7 millóns de euros. Desta cantidade, algo máis de 4,4 millóns están destinados á execución material das obras e o resto, 276.000, a servizos complementarios como asistencias técnicas para a redacción de proxectos, dirección de obras e coordinación de seguridade e saúde. A distribución territorial destes fondos asigna para cada concello a cantidade de 51.000 euros, dos que 48.000 investiranse nas obras e os 3.000 restantes nos mencionados servizos complementarios. No caso da entidade local menor de Berán, as cantidades asignadas son de 24.000 e 2.000 euros, respectivamente.

O documento recolle tamén o plan de gastos correntes co que a Deputación axuda aos concellos que acreditan insuficiencia financeira e orzamentaria, así como o réxime especial a causa da pandemia da covid-19, de tal xeito que os concellos poderán optar entre adherirse ás bases xerais do plan ou solicitar o ingreso nas arcas municipais de todo o importe da achega provincial ás obras municipais (51.000 €) para a amortización de créditos ou o financiamento de gastos correntes derivados da prestación de servizos mínimos obrigatorios.

Na sesión celebrada esta mañá no Pazo Provincial tamén se aprobou inicialmente o Programa de Asistencia a Entidades Locais para a xestión de servizos municipais do Ciclo da Auga para 2022, unha carta de servizos onde cada concello pode adherirse en calquera momento ás asistencias que necesiten, sexa en materia de abastecemento, saneamento ou augas de baño. Para o próximo ano o programa incorpora dúas novidades: o mantemento dos prezos das distintas accións e bonificacións ou descontos para determinados servizos, nomeadamente a limpeza de depósitos, cando estas accións se solicitan agrupadas, o que axudará a unha mellor planificación e unha execución máis eficaz.

Neste mesmo ámbito de colaboración na xestión dos servizos municipais da auga, aprobouse tamén con carácter inicial o orzamento do Consorcio de Augas de Valdeorras para 2022, por un importe próximo a 1,4 millóns de euros.

Outro dos asuntos tratados hoxe refírese a un programa especial de cooperación ás obras promovidas polo Concello de Ourense. Trátase de catro proxectos, por un valor total de máis de 7,6 millóns de euros, aos que a Deputación contribuirá con 4.000 euros, mil por cada obra, facilitando así a ampliación dos prazos para a contratación e execución dos traballos, que deberán estar rematados a finais de 2022.

No ámbito da cultura ratificouse a proposta da presidencia para iniciar o expediente de outorgamento do título honorífico de Fillo Adoptivo da Provincia ao comunicador Manuel Villanueva de Castro, recoñecendo unha traxectoria profesional que "tense caracterizado por un apoio permanente a cantas iniciativas se lle teñen formulado desde Ourense".

Na orde do día tamén figuraba un recoñecemento extraxudicial de crédito por un importe superior aos 98.000 euros; a aceptación da delegación de competencias do Concello de San Cibrao das Viñas para tramitar un expediente de expropiación dentro do plan municipal de infraestruturas; e o adianto ao día 17 do pleno ordinario de decembro, ao coincidir as datas habituais de convocatoria coas festas de Nadal.

Declaración institucional polo 25N

No apartado de proposicións, a corporación provincial adheriuse á declaración institucional da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, sumándose "a todas as voces que claman por un futuro en igualdade". Entre outros puntos, a declaración recolle a preocupación ante a violencia vicaria ou as altas taxas de emprego temporal entre as mulleres, advertindo do perigoso aumento da brecha de xénero e demandando apoio ao espírito empresarial das mulleres. Recoñécese a violencia machista como "un problema político de primeira orde, de saúde pública e como un grave atentado aos dereitos fundamentais", avogando por máis accións dirixidas á eliminación de normas discriminatorias e o reforzo de programas de prevención, ademais de ratificar o compromiso da FEMP co Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

En materia de infraestruturas, instouse á Deputación a manifestarse publicamente en defensa dunha nova liña ferroviaria de alta velocidade que una de forma directa Ourense e Vigo, con tempos de viaxe competitivos e comparables aos da liña Ourense-Santiago de Compostela, solicitando ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que impulse a tramitación para executar a nova conexión de alta velocidade con Vigo.

Ademais, no ámbito sanitario, o pleno tamén acordou instar á Xunta de Galicia a iniciar antes do remate do ano unha reformulación da atención primaria coa incorporación dun maior número de especialistas; mellorar as condicións de eventualidade dos profesionais do Sergas, unha xerencia en cada Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI); ou unha maior coordinación de servizos con atención á saúde mental. Tamén se insta ao Goberno central á habilitación dos centros de saúde para formación; realizar unha convocatoria extraordinaria de prazas MIR; facilitar a formación anual de máis especialistas; e eliminar as limitacións ás taxas de reposición.

A totalidade dos acordos foron os seguintes:

Pleno de decembro

Cambiar a data da sesión do pleno ordinario de decembro (xa que o día 31 é Fin de Ano e o día 24 Noiteboa), que se convocará para o día 17 ás 10.00 horas. Todas as comisións informativas terán lugar o día 9.

Consorcio de Augas de Valdorras

Aprobación inicial do orzamento do Consorcio de Augas de Valdeorras para o exercicio 2022

Recoñecemento de crédito

Aprobación do expediente de recoñecemento extraxudicial de créditos.

Delegación de competencias

Aceptación da delegación de competencia formulada polo Concello de San Cibrao das Viñas, para a tramitación do expediente expropiatorio para execución do Plan especial de infraestruturas e dotacións do polígono P-6.1 da AR-6, no núcleo de Reboredo.

Plan de Coooperación

Aprobación inicial das bases reguladoras do Plan de Cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial para 2022

Concello de Ourense

Aprobación das bases reguladoras do programa especial de cooperación ás obras promovidas polo Concello de Ourense (2021-2022)

Ciclo da auga

Aprobación inicial do Programa de Asistencia ás Entidades Locais para a xestión dos servizos municipais do Ciclo da Auga para o exercicio 2022.

Fillo Adoptivo da provincia

Incoar o expediente para o outorgamento do título honorífico de Fillo Adoptivo da Provincia de Ourense ao comunicador Manuel Villanueva de Castro, designando ao deputado provincial e vicepresidente segundo, César Fernández, como instrutor do expediente.

Liña ferroviaria Ourense-Vigo

Acordo:

1º. Instar á Deputación Provincial de Ourense a manifestarse publicamente en defensa dunha nova liña ferroviaria de alta velocidade, que una de forma directa Ourense e Vigo, con tempos de viaxe competitivos e comparables aos da liña que une Ourense con Santiago de Compostela.

2º. Solicitar ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) o impulso da tramitación para a execución dunha nova liña ferroviaria de alta velocidade entre Ourense e Vigo.

Violencia de xénero

Acordo:

Sumarnos á Declaración Institucional da Femp con motivo do Día Internacional da Eliminación da violencia contra a muller, ratificada nos seguintes puntos:

- Convidamos a todas as Entidades Locais a adherirse á Declaración Institucional da Femp e sumámonos a todas as voces que claman por un futuro en igualdade.

- Recoñecemos a gravidade da violencia machista como un problema político de primeira orde, de saúde pública e como un grave atentado aos Dereitos Humanos fundamentais.

- Asumimos a responsabilidade no proceso de intervención con vítimas de violencia machista e defendemos o principio de reparación en todas as súas fases.

- Alertamos sobre o aumento dos asasinatos machistas e manifestamos a nosa preocupación ante a violencia vicaria e ante o desamparo que sofren os orfos e orfas.

- Lembramos que é necesario garantir que a igualdade de xénero e os dereitos das mulleres como elemento crave para garantir a recuperación social e económica de todas as persoas a nivel global.

- Defendemos a necesidade de promover accións globais consensuadas que garantan a continuidade das políticas dirixidas á eliminación das normas sociais discriminatorias e o reforzo dos programas de prevención e loita contra a violencia de xénero.

- Demandamos a implementación de proxectos e programas locais que garantan a igualdade de xénero no emprego e o apoio ao espírito empresarial das mulleres, como medidas para preservar a súa independencia económica e previr a violencia de xénero.

- Manifestamos novamente a nosa preocupación polas altas taxas de emprego temporal das mulleres que, unido á destrución e a caída do emprego advirten dun perigoso aumento da brecha de xénero.

- Ratificamos o noso compromiso co Pacto de Estado contra a violencia de xénero e lembramos a necesidade de continuar avanzando no seu desenvolvemento.

Atención primaria

Acordo:

1º.- Instar á Xunta de Galicia a iniciar, antes de finais de 2021, unha reformulación real da atención primaria coa incorporación progresiva dun maior número de profesionais de especialidades, a maiores do eixo médico/a-enfermeiro/a, incluíndo a posibilidade de incorporar máis especialidades.

2º.- Instar á Xunta de Galicia para a mellora das condicións de eventualidade para o conxunto de profesionais do Sergas que son contratados de maneira descontinua, procurando estabilizar ao maior número posible e mellorando a oferta de contratos eventuais, dotándoos de maior estabilidade.

3º.- Instar á Xunta de Galicia a implementar unha xerencia de atención primaria en cada EOXI, dotándoa de recursos e autonomía de xestión e funcionamento.

4º.- Instar á Xunta de Galicia á coordinación de servizos, fomentando a ampliación de funcións e capacitacións dos profesionais, de maneira simultánea á incorporación de novas categorías que permitan especializar máis e profundar no que poden.

5º.- Instar á Xunta de Galicia a promover a conexión entre os servizos de saúde mental e a atención primaria, coa distribución de zonas de referencia para cada equipo de saúde mental, posibilitando a existencia de primeiras consultas dun profesional deste equipo nos propios centros de saúde, a petición directa dos equipos de atención primaria coa maior rapidez e medios posibles.

6º.- Instar á Xunta de Galicia para ampliar a posibilidade de solicitude de probas diagnósticas por parte dos facultativos/as de atención primaria.

7º.- Solicitarlle ao Goberno de España unha habilitación, de forma extraordinaria, dos centros de saúde necesarios para que teñan a consideración de centros acreditativos para a formación, así como aos profesionais especialistas en medicina familiar e comunitaria precisos para que poidan actuar como titores na formación de residentes.

8º.- Solicitarlle ao Goberno de España unha convocatoria extraordinaria de prazas MIR que permita incorporar máis profesionais ao noso sistema sanitario e resolver o déficit de médicos en primaria e á Xunta de Galicia que cubra a totalidade desas prazas acreditadas e financie o 100% destas prazas con cargo aos orzamentos.

9º.- Esixirlle ao Goberno de España que, máis aló destas medidas extraordinarias, cumpra os acordos do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde de abril do ano 2018 relativos ás reformas estruturais precisas para flexibilizar e axilizar o procedemento de acreditación de unidades docentes e os seus requisitos, permitindo a formación anual de máis profesionais especialistas.

10º.- Esixirlle ao Goberno de España que cumpra os acordos do Pleno do Congreso dos Deputados e do Parlamento de Galicia sobre a necesaria eliminación das limitacións impostas para as taxas de reposición de efectivos nos sistemas sanitarios públicos autonómicos.

11º.- Darlles traslado destes acordos ao Goberno de España, á Xunta de Galicia, ao Congreso dos Deputados e ao Parlamento de Galicia.