A Deputación aproba o cambio de modelo de xestión do servizo de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos

Compartir

• Na última sesión ordinaria do ano aprobouse unha modificación das tarifas do aparcadoiro situado ao carón do Hospital Santa María Nai, que ofertará bonos mensuais para enfermos crónicos en 36 de prazas de estacionamento

• A corporación aprobou tamén unha proposta para solicitar á Real Academia Galega que lle dedique o Día das Letras Galegas de 2023 ao escritor ourensán Antón Tovar, así como promover desde a Deputación a creación dun museo na casa do autor, en Rairiz de Veiga

• Acordouse ademais a adhesión da Deputación á Rede Española de Cidades Saudables da FEMP, que persegue a promoción e protección da saúde e o benestar dos cidadáns.

Ourense, 17 de decembro de 2021.- O pleno ordinario da Deputación de Ourense, correspondente ao mes de decembro, aprobou hoxe o paso á xestión indirecta do servizo intermunicipal delegado de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos. O proceso que agora se inicia ten como obxectivo mellorar a atención aos concellos, optimizar a recollida selectiva de residuos, potenciar a reciclaxe, fomentar a implantación da recollida da fracción orgánica (colector marrón) e incorporar melloras tecnolóxicas. Esta modificación ten como punto de partida os cambios que se están a rexistrar nas lexislacións estatal e autonómica sobre residuos, como consecuencia da aplicación das directivas europeas, nun novo escenario que esixe dos cidadáns, como usuarios, e das administracións, como prestadoras de servizos, un cambio nos modos, obxectivos e prioridades á hora de preparar, recoller, almacenar, transportar e tratar os residuos.

Neste mesmo ámbito, a corporación provincial aprobou inicialmente a modificación da ordenanza reguladora do actual servizo delegado de recollida de residuos, que reflicte a actualización dos concellos adheridos a todas ou algunha das modalidades de prestación, sexa de modo íntegra ou parcial. Así, a modificación inclúe a incorporación dos concellos do Bolo, Maceda, Riós, Taboadela e Vilar de Barrio ao ámbito territorial de aplicación íntegra, mentres que Allariz, Vilar de Santos e Cualedro quedan incluídos no apartado parcial da fracción papel e cartón.

O pleno, na última sesión ordinaria do presente ano, aprobou tamén a modificación das tarifas do aparcadoiro situado ao carón do Hospital Santa María Nai, que ofertará durante doce meses 36 de prazas de estacionamento para os enfermos crónicos con bonos de 50 horas mensuais cun custo de 29 euros ao mes, con tíckets personalizados co logo de Asociación Española contra o Cancro (AECC) e catro prazas co rótulo personalizado. Esta modificación inclúe ademais a redución do canon da concesión para 2022, que terá un importe de preto de 13.900 euros.

Outro dos asuntos incluídos na orde do día foi a adhesión da Deputación de Ourense á Rede Española de Cidades Saudables da FEMP, que persegue a promoción e protección da saúde e o benestar dos cidadáns, en concordancia cos principios de actuación do proxecto "Healthy Cities" da Organización Mundial da Saúde, comprometéndose a institución provincial a elaborar unha análise de situación e un plan de saúde para a provincia.

Xunto coa delegación de competencias de recadación na Deputación por parte do Concello de Nogueira de Ramuín, o pleno aprobou tamén o cambio de titularidade de cinco treitos de vías provinciais a favor dos concellos de Allariz, O Carballiño, Ourense (2), e Xinzo de Limia, ademais de ser informada a corporación da renuncia de Miguel Caride como deputado provincial.

No apartado propositivo cómpre sinalar a aprobación dunha moción na que se insta á Deputación a solicitar á Real Academia Galega que lle dedique o Día das Letras Galegas de 2023 ao escritor ourensán Antón Tovar, así como a levar a cabo os trámites necesarios, en colaboración coa Xunta de Galicia e o Concello de Rairiz de Veiga, para crear o museo de Antón Tovar na súa casa da Pereira.

A totalidade dos acordos adoptados polo pleno foron os seguintes:

Modificación das tarifas do aparcadoiro do hospital Santa Maria Nai

1) Acordar a oferta de 36 de prazas do servizo de estacionamento de vehículos nos terreos anexos ao Hospital Santa María Nai para os enfermos crónicos, nos termos que se indican:

- Cantidade: 36 bonos mensuais.

- Duración: 50 horas-mensuais.

- Deseño: Tíckets personalizados co logo de AECC.

- Custo: 29 € unidade/mes.

- Duración do contrato: 12 meses.

- Disporán de 4 prazas reservadas – con rotulo personalizado.

2) Acordar a redución do canon concesional correspondente ao exercicio 2022 a aboar pola empresa concesionaria, que ascende a 13.847,50 euros.

3) O acordo entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2022 e terá duración de un ano.

Delegación de competencias

Delegación na Deputación Provincial do exercicio das competencias de xestión, liquidación e recadación en voluntaria e executiva e revisión de actos de tributos e outros ingresos de dereito público do concello de Nogueira de Ramuín.

Estradas provinciais

Cambio da titularidade de treitos de estradas provinciais a favor dos concellos de Allariz, O Carballiño, Ourense e Xinzo de Limia.

Xestión da recollida de residuos

Cambio do modo de xestión do servizo público intermunicipal delegado de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos (RSU) da Deputación de Ourense.

Ordenanza de recollida de residuos

Modificación da ordenanza reguladora do servizo intermunicipal de recollida de residuos urbanos xestionado pola Deputación de Ourense por delegación dos concellos da provincia.

Cidades saudables

Adhesión da Deputación de Ourense á Rede Española de Cidades Saudables e de cumprir os seus fins estatutarios.

Letras Galegas 2023

1. Instar á Deputación de Ourense a solicitar á Real Academia Galega (RAG) que lle dedique o Día das Letras Galegas do ano 2023 ao escritor ourensán Antón Tovar Bobillo.

2. Instar ao goberno da Deputación de Ourense a que dea difusión, a través de todos os medios cos que conta a institución, da candidatura de Antón Tovar Bobillo para que lle sexa concedido o Día das Letras Galegas de 2023.

3. Instar á Deputación de Ourense a que leve a cabo os trámites necesarios, conxuntamente coa Xunta de Galicia e co Concello de Rairiz de Veiga perante os herdeiros, para crear o Museo de Anón Tovar na súa casa da Pereira.