A Deputación aproba a concesión de máis de 600.000 euros en subvencións para cooperación con concellos e entidades
Ourense, 29 de decembro de 2021.- A xunta de goberno da Deputación de Ourense, reunida hoxe por vía telemática e presidida polo vicepresidente Rosendo Fernández, aprobou a concesión de máis de 600.000 euros en subvencións para cooperación cos concellos e entidades empresariais, culturais, educativas e deportivas.
No ámbito local aprobáronse senllas axudas ao Concello de Baltar para obras de abastecemento e saneamento e para reparacións do edificio municipal por importe de 48.000 euros cada unha delas. Castrelo de Miño tamén recibirá dúas achegas para obras de saneamento en Barral e O Pazo e para mellorar o abastecemento en Macendo, en ambos casos con case 10.000 euros. E Laza contará con outras dúas subvencións para ampliar a praza do forno da Picota, por valor de 48.000 euros, e para a praza de Outeiro e subida da Picota coa mesma cantidade.
Neste mesmo apartado, o Concello de Cartelle recibirá 100.000 euros para a sede social da Fundación Carlos Velo; Cortegada case 15.000 euros para cofinanciar o plan Hurbe; e Larouco 48.000 euros para pavimentar o camiño dos Casares. Monterrei poderá financiar o remate das obras da Casa do Concello con 22.500 euros; Oímbra destinará algo máis de 24.000 euros para placas solares na depuradora; Paderne de Allariz recibirá máis de 45.000 euros para un proxecto de sinalización turística; con case 46.000 euros Rairiz de Veiga executará as beirarrúas na Saínza; e Trasmiras contará cunha achega de 48.000 euros para a mellora de vías municipais.
Na última sesión do ano da xunta de goberno tamén se aprobou unha nova axuda no marco do programa EmprendOU para proxectos empresariais e de autoemprego en municipios rurais en declive demográfico. A achega, cun importe máximo de 8.685 euros, ten como beneficiario a un proxecto relacionado co sector da construción no concello de Verea.
Polo que respecta á cooperación con entidades, concedeuse unha axuda de case 6.000 euros á Asociación de Empresarios do Polígono Barreiros para o sistema de seguridade; 25.000 euros para promoción e gastos de funcionamento da IXP Castaña de Galicia; 18.000 euros á Federación Provincial de Asociacións de Pais de Alumnos de Centros Públicos As Burgas, tamén para gastos de funcionamento; co mesmo destino, 13.000 euros para a Fundación Festa da Istoria; 9.000 euros á Unión Musical de Allariz para a adquisición de instrumentos; 4.000 euros con idéntico fin para a agrupación musical Lopo de Lías de Boborás; e 10.000 euros á Escudería Luíntra para o IX Rally Ribeira Sacra.