A deputada Luz Doporto asistiu á Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia
Ourense, 2 de xullo de 2022.- A deputada Luz Doporto asistiu onte en Santiago de Compostela á XIV edición da Noite de Enxeñaría en Informática de Galicia, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), presidido por Fernando Suárez.
Durante a gala de premios, conducida polo humorista Raúl Pérez e que contou con máis de 350 convidados, recoñeceuse, entre outros, a rede Dinapsis de Viaqua, de hubs de transformación dixital para a xestión da auga e o medio ambiente en Galicia, e ao grupo SING de investigación biomédica e ciberseguridade da Universidade de Vigo (UVigo), formado por investigadores da Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) do Campus de Ourense.
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, agradeceu a colaboración dos patrocinadores do evento, "un apoio continuado no tempo que supón un compromiso e un impulso para seguir traballando todos xuntos por un futuro mellor para o noso país". Ademais, felicitou aos premiados polo seu talento esforzo e compromiso para modelar e construír un porvir dixital: "O futuro é cuestión de actitude e de talento e, sen dúbida, os premios que hoxe entregamos son exemplo do liderado da nosa profesión e da nosa terra".