Entregados os Premios TFG José Manuel Pérez Canal

Compartir

Ourense, 15 de novembro de 2022.- O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, participou esta mañá na entrega dos Premios TFG José Manuel Pérez Canal 2022, cos que a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e o Colexio de Economistas de Ourense, co apoio da Deputación de Ourense, premian os mellores traballos fin de grao deste centro. Nesta ocasión, concedeuse un primeiro premio a un estudo sobre o impacto de Facebook no márketing de redes sociais e dous accésits, un centrado na análise económica-financeira da Liga Española de Fútbol e outro no plan estratéxico para a creación real dunha empresa apícola.

Ademais de César Fernández, o acto contou coa participación de  Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense; Mª Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; Carmen Sampayo, decana do Colexio de Economistas de Ourense, e Marisol Novoa, presidente da Confederación Empresarial de Ourense, contando coa asistencia de representantes da contorna socio-económica, familiares de José Manuel Pérez Canal e membros da comunidade universitaria.

Nas súas intervencións, as autoridades presentes lembraron a calidade humana e profesional do falecido presidente da Confederación Empresarial de Ourense que dá nome a estes premios e destacaron como estes galardóns son froito da colaboración e do apoio institucional das entidades presentes.