Rosendo Fernández participou na presentación do espectáculo familiar "Inventio"
Ourense, 28 de novembro de 2022.- Rosendo Fernández, vicepresidente primeiro da Deputación, participou esta mañá na presentación do espectáculo familiar "Inventio", que se celebrará os días 2 e 3 de decembro no Auditorio Municipal de Ourense a través de tres funcións.
Rosendo Fernández resaltou a forte aposta da Deputación pola cultura e a importancia que este sector ten no eido socioeconómico. Ademais de Rosendo Fernández, na presentación tamén interviron o delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; o tenente alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea; o director creativo de "Inventio", Martín Varela; e a responsable territorial en Galicia da Fundación "La Caixa", Susan Santos.
"Inventio" é un proxecto da promotora Thinking Up Events, Xunta de Galicia - Xacobeo 21-22 e Fundación "la Caixa", coa colaboración de Sargadelos, que estará de xira por España e Portugal ata 2023. O seu obxectivo é a divulgación do Camiño de Santiago e da cultura galega.
Este espectáculo para todos os públicos ofrece unha proposta escénica de gran formato que combina as artes circenses, o ilusionismo, a danza e a música. Cun equipo artístico de máis de 40 persoas, "Inventio" desenvolve, segundo os seus promotores, "un espectáculo cheo de humor, misterio e fantasía, no que se unen a tradición cultural galega e a modernidade". Nesta posta en valor da nosa identidade e patrimonio cultural, "Inventio" realiza, explican, "unha representación artística onde os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia se sitúan no centro da acción".