Os Lubicáns ofreceron un concerto de música tradicional galega no Marcos Valcárcel
Ourense, 15 de decembro de 2022.- O salón de actos do Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu na tarde deste xoves un concerto didáctico gratuíto dos Lubicáns, programado polo Obradoiro de instrumentos musicais da Deputación de Ourense como actividade de Nadal.
En "Historias dos instrumentos musicais na tradición galega", os Lubicáns ofreceron unha repertorio bailable instrumental galego -muiñeiras, xotas, valses, pasodobres, polcas...-, recollidos principalmente na Limia polo Arquivo Castro Vicente durante os últimos trinta anos, e tamén aprendidos de referentes da música tradicional ourensá como Faustino Santalices, Modesto Sánchez, Ermelinda do Muíño, Faustino Luis Seoane ou Paco de Escornabois.
Durante hora e media de concerto didáctico, os Lubicáns repasaron a tradición dos instrumentos de vento en Galicia -frautas, pínfanos, frauta de tres buratos...-; instrumentos de palleta libre -acordeón diatónico, concertina...-, a trompa, gaitas antigas ou variedades de tambor.