Rosendo Fernández participou na presentación da proba ciclista O Gran Camiño 2023, que celebrará a súa terceira etapa entre Esgos e Rubiá co apoio da Deputación
Ourense, 21 de xaneiro de 2023.- O vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández, participou esta tarde no Auditorio Fontán da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, na presentación da proba ciclista O Gran Camiño 2023 - International Galician Tour, que conta co apoio da Deputación de Ourense e que transcorrerá pola provincia ourensá durante a súa terceira etapa, o vindeiro 25 de febreiro, nunha tirada con saída en Esgos e chegada no Parque Natural Serra da Enciña da Lastra, en Rubiá.
O vicepresidente primeiro provincial estivo acompañado neste acto, entre outros, pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; ademais do organizador da proba, o exciclista Ezequiel Mosquera.
Na súa intervención, Rosendo Fernández destacou que "a Deputación mantén a aposta polo ciclismo e polo fomento dun ecosistema deportivo con potencialidade para acoller eventos do máximo nivel".
A proba ciclista galega celebrará a súa segunda edición do 23 ao 26 de febreiro e será na provincia de Ourense onde teña lugar a súa etapa raíña, cun percorrido de 170 quilómetros entre Esgos e Rubiá con cinco portos, tres deles de primeira categoría, nunha tirada que busca servir de homenaxe ás terras valdeorresas devastadas o ano pasado polos lumes.
O Gran Camiño 2023 concentrará a figuras do pelotón internacional como o actual gañador do Tour de Francia, Jonas Vingegaard.