A colaboración da Deputación facilitou a renovación dun millar de luminarias públicas en todos os pobos do concello dos Blancos
Manuel Baltar, acompañado polo alcalde, José Manuel Castro, e membros do equipo de goberno visitou o concello para comprobar o resultado do proxecto de eficiencia enerxética
O presidente do goberno provincial afirmou que esta iniciativa demostra "como a colaboración entre administracións permite poñer en marcha infraestruturas necesarias para a veciñanza, tendo sempre en conta os proxectos que desde o concello se formulan para que Os Blancos siga progresando"
José Manuel Castro agradeceu a Manuel Baltar a colaboración da Deputación, "que para este proxecto de eficiencia enerxética cubriu a achega do concello na súa totalidade"
Ourense, 2 de abril de 2023.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, acompañado polo alcalde dos Blancos, José Manuel Castro, visitou o concello para comprobar o resultado do proxecto de eficiencia enerxética que, executado en colaboración coa Deputación, permitiu a renovación dun milleiro de luminarias públicas en todos os núcleos de poboación do municipio, no marco dun convenio co Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), e no marco do programa operativo FEDER de crecimento sostible.
Manuel Baltar valorou positivamente os resultados dun proxecto que demostra "como a colaboración entre administracións permite poñer en marcha infraestruturas necesarias para a veciñanza". Neste caso, ademais, "nun concello que precisa dunha asistencia especial por parte da Deputación para a prestación dos servizos públicos", apuntou o presidente do goberno provincial. Para Manuel Baltar, a este labor de contribución económica por parte da Deputación "tamén se suma a cooperación xurídica e técnica, tendo sempre en conta os proxectos que desde o concello se formulan para que Os Blancos siga progresando".
José Manuel Castro, que estaba acompañado por membros do seu equipo de goberno e veciños, agradeceu a presencia de Manuel Baltar e a colaboración da Deputación, "que permite ao noso concello ter unha evolución positiva", especificando que para este proxecto de eficiencia enerxética o goberno provincial cubriu a achega do concello na súa totalidade.
Os traballos desenvolvidos no concello consistiron no subministro e instalación de 992 luminarias de tecnoloxía LED, incluíndo a adaptación de 17 centros de medida, mando, protección e control para a renovación das instalacións de iluminación pública en todos o municipio.
A institución provincial, ao amparo da convocatoria de axudas do IDAE do 2017, proxectou esta iniciativa que se desenvolveu en todos os núcleos do municipio e supuxo un investimento de 604.094,69 euros -578.486,49 para o contrato de obra e 25.608,20 euros para a redacción do proxecto, dirección de obra e coordinación de seguridade e saúde-.
Ao remate da supervisión das obras, Manuel Baltar e o equipo de goberno liderado polo alcalde mantiveron un encontro na Casa do Concello, para avaliar as liñas de cooperación abertas entre ambas administracións e estudar novas iniciativas de colaboración.
Adaptación de instalacións de iluminación en rúas e edificios públicos
A colaboración cos Blancos é unha máis das iniciativas que ten levado a cabo a Deputación de Ourense cos concellos ourensáns para adaptar os sistemas iluminación pública municipal, tanto de rúas como de edificios, ás novas esixencias normativas e sociais de eficiencia, proxectos que racionalizan o consumo enerxético, aumentan a calidade visual da iluminación, reducen as emisións de dióxido de carbono e incrementan a vida útil dos equipos, minimizando tanto a taxa de reposición destes como os custes de mantemento.
Eficiencia enerxética na edificación e nas infraestruturas e servizos públicos
O Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) resolveu conceder a Deputación Provincial de Ourense unha axuda por importe máximo de 592.000,00 € (cofinanciamento 80 % FEDER) sendo o investimento total inicial admitida por un importe máximo de 740.000,00 €. A axuda outorgada é obxecto de cofinanciamento polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER) no marco do Programa Operativo de Crecemento Sostible 2014-2020, dentro do Obxectivo Temático 4 (Economía Baixa en Carbono) e o obxectivo específico no que se enmarca a operación é o OE431: Eficiencia enerxética na edificación e nas infraestruturas e servizos públicos.