Abraham Cupeiro protagoniza un concerto didáctico no acto de entrega de diplomas do Obradoiro de Instrumentos

Compartir

O musicólogo, compositor e intérprete galego presentará o proxecto "Resoando o pasado" o vindeiro martes, 6 de xuño, no salón de actos do Marcos Valcárcel a partir das 19,45 horas e con entrada gratuíta

Ourense, 2 de xuño de 2023.- O musicólogo, compositor e intérprete Abraham Cupeiro protagonizará un concerto didáctico o vindeiro 6 de xuño, no salón de actos do Marcos Valcárcel, enmarcado no acto de entrega de diplomas do curso 2022-2023 do Obradoiro Escola de Instrumentos Musicais da Deputación, impartido por Manuel Brañas e Xosé Maceda.

O concerto arrancará as 19,45 horas e será de entrada gratuíta. Nel, Abraham Cupeiro mostrará o proxecto "Resoando no Pasado", unha colección de instrumentos no que o experto viaxa ao pasado máis remoto da nosa especie a través do son dos instrumentos de vento.

Dende unha reprodución dunha pequena frauta de óso -do 46.000 AC- ata un gran Sousaphone orixinal do século XIX. Na colección, están representados instrumentos de todas as familias, lugares e épocas. Ao longo do concerto, todos eles resoan de novo dando lugar a interesantes anécdotas, de xeito que nos achegan á parte máis humana dos instrumentos musicais. Este proxecto viu a luz no ano 2006 e dende entón máis de 40.000 persoas puideron desfrutalo.