A Deputación colabora na primeira edición do Salón do Vehículo Clásico, en Expourense
Ourense, 20 de xuño de 2023.- Expourense acolle o sábado 24 e domingo 25 de xuño a primeira edición do Salón do Vehículo Clásico, cita organizada polo dirección do recinto ferial co apoio da Deputación de Ourense.
O vicepresidente primeiro provincial en funcións, Rosendo Fernández, participou esta mañá na presentación do Salón acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense e presidente do comité executivo de Expourense, Gabriel Alén; o vicepresidente da Escuadra Clásicos Ourense, Luís Aragonés, o secretario desta entidade, Ricardo García; o presidente da Fundación Estanislao Reverter, Luís Reverter; e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.
O 1º Salón do Vehículo Clásico contará coa presenza de 20 expositores especializados no sector do clásico e entre as que se atopan tanto compravendas como empresas de recambios, accesorios, compoñentes, pintura, miniaturas, etc. A maiores, participan unha quincena de clubs de clásicos (tanto coches como motos coa presenza de varios clubs de "Vespa") de toda Galicia e mesmo a nivel nacional. A área expositiva inclúe ademais a participación de máis de 120 vehículos clásicos (matriculados ata 1993, é dicir, cun mínimo de 30 anos de antigüidade) entre os que se poden atopar coches, motos, camións ou autobuses.
Estes vehículos de exposición están cedidos por coleccionistas privados, restauradores, mecánicos, clubs e particulares. Entre os vehículos desta exposición poderá verse o mítico "Alpinche" cedido pola Fundación Estanislao Reverter -restaurado co apoio da Deputación de Ourense- ou os autobuses de pasaxeiros da empresa Autocares Cuíña. Haberá ademais un aparcamento reservado con máis de 50 prazas nos que poderán aparcar aqueles visitantes que acudan cun clásico (ata completar aforo e mellor con reserva previa a través da web do salón) para que o público poida observalo e interactuar con el.
O horario de feira será, tanto o sábado como o domingo, de 11.00 a 20.30 h. A entrada para o público ten un custo de 5 euros, sendo gratuíta para os menores de 12 anos. O salón conta cunha web propia do evento www.salonvehiculoclasico.com e un perfil de Instagram @salonvehiculoclasico no que se van adiantando todas as confirmacións de expositores e vehículos participantes.