A vicepresidenta da Deputación participa na entrega das Medallas Emilia Pardo Bazán

Compartir

 

A Coruña, 19 de setembro de 2023.- A vicepresidenta primeira da Deputación de Ourense, Marta Nóvoa, asistiu esta tarde, na Audiencia Provincial de A Coruña, ao acto de entrega das Medallas Emilia Pardo Bazán 2023 que concede a Xunta de Galicia para recoñecer accións relevantes desenvoltas na Comunidade a prol da igualdade.

Na súa quinta edición, ditas distincións recaeron en María Teresa Cortizas González-Criado, delegada de Igualdade no ámbito do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; na Fundación Secretariado Gitano e en Executivas de Galicia, polo seu labor para construír unha sociedade máis equitativa baseada nos principios de igualdade de oportunidades, xustiza e solidariedade.

As Medallas Emilia Pardo Bazán foron creadas pola Xunta de Galicia no ano 2019 para recoñecer anualmente a persoas ou colectivos, entidades ou institucións tanto públicas como privadas, con tres condecoracións de carácter exclusivamente honorífico.