O presidente da Deputación de Ourense asiste á inauguración do pleno do XIII Consello de Comunidades Galegas

Compartir

Ourense, 22 de setembro de 2023.- O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, asistiu esta mañá, á inauguración do Plenario do XIII Consello de Comunidades Galegas que reuniu, no paraninfo do IES Otero Pedrayo, á Galicia Exterior para preparar o gran retorno de emigrantes por ser este un dos principais obxectivos desta entidade que representa a preto de 500.000 galegos emigrantes.

Trátase dun evento no que se citan máis de 80 entidades procedentes de trece países para abordar xunto á Xunta de Galicia, representada polo seu presidente, Alfonso Rueda, unha estratexia para repatriar de forma masiva a emigrantes e descendentes.

O presidente do goberno provincial valorou este acto como "un fito importante para Galicia, pero tamén en concreto para Ourense, berce da emigración, que ademais é un territorio que pode ofrecer aos emigrantes retornados grandes oportunidades para desenvolver un proxecto de vida e profesional dado o déficit de traballo que existe en diversos campos".

Tamén participaron no acto en representación do goberno autonómico, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e as conselleiras de Política Social e Xuventude e de Promoción do Emprego e Igualdade, Fabiola García e Elena Rivo, respectivamente.