Preto de 300 cicloturistas rodaron pola Ribeira Sacra

Compartir

Na III edición da "Ribeira Sacra Cycling Road" organizada pola Deputación de Ourense, a través do Inorde, co apoio de Turismo de Galicia, que se disputou hoxe polos municipios de Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Teixeira, Montederramo e Castro Caldelas

Nogueira de Ramuín, 24 de setembro de 2023.- Preto de 300 cicloturistas rodaron hoxe pola Ribeira Sacra na terceira edición da proba que organiza a Deputación de Ourense, a través do Inorde, co apoio de Turismo de Galicia, que levou aos participantes a percorrer os municipios de Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Teixeira, Montederramo e Castro Caldelas.

O exciclista vasco Igor Antón foi o padriño oficial desta proba que volveu a cumprir o obxectivo de atraer a través do deporte a numerosos visitantes de fóra da provincia. Nesta ocasión, os inscritos procedía de 15 provincias españolas e do norte de Portugal.

Os cicloturistas puideron realizar o percorrido de gran fondo de 115 quilómetros ou o minifondo de 80 quilómetros, contando cun tramo cronometrado que incluía a última subida. A "Ribeira Sacra Cycling Road", de carácter non competitivo, outorgou un premio especial aos tres primeiros deportistas masculinos e femininos do tramo cronometrado que participaron no Gran Fondo.