Manuel Villanueva recibe de man de Luis Menor o Premio OUFF Televisión nun acto con primicias de Mediaset

Compartir

O galardón subliña o vínculo do director xeral de Contidos de Mediaset España coa provincia de Ourense e o seu apoio e colaboración co festival desde os seus inicios

Ourense, 4 de outubro de 2023.- A 28ª edición do Ourense Film Festival (OUFF) recoñece en 2023 "a ampla e exitosa traxectoria profesional no mundo da televisión" de Manuel Villanueva (Marín, 1957), concedéndolle o Premio OUFF Televisión. O galardón, ademais, subliña o vínculo do director xeral de Contidos de Mediaset España coa provincia de Ourense e o seu apoio e colaboración co festival desde os seus inicios. Villanueva recibiu este recoñecemento no Teatro Principal de Ourense de man do presidente provincial, Luis Menor.

A presenza de Villanueva no festival traía consigo dúas primicias para o público de Ourense como a pre-estrea de Fuera de Cobertura, con asistencia da súa directora e presentadora, Alejandra Andrade (Premio Ondas 2019). OUFF 2023 acolleu a proxección de "Fentanilo, unha epidemia letal", un das reportaxes da nova tempada deste programa, no que Andrade viaxa ao epicentro da epidemia que está a causar esta droga en Estados Unidos e que se converteu na principal causa de morte entre os cidadáns de entre 18 e 49 anos deste país. Tamén a presentación do trailer e un adianto exclusivo da película de Telecinco Cinema Ocho apellidos marroquís, coa presenza do seu director, Álvaro Fernández Armero e do actor Hamza Zaidi.