Máis de 9.500 espectadores participaron na 28º edición do OUFF pola que pasaron 72 filmes de 18 países

Compartir

Ourense, 9 de outubro de 2023.- O Ourense Film Festival (OUFF) remata a súa 28º edición coa constatación do éxito do festival e a implicación da cidadanía ourensá. Máis de 9.500 espectadores gozaron dalgunha das 105 proxeccións que se realizaron dende o 29 de setembro ata o 8 de outubro. Pasaron polas 6 salas de cinema un total de 72 películas de 18 países. "Conseguimos a mellor edición deste equipo e a máis relevante de toda a historia do festival", constatou o director do festival, Miguel Anxo Fernández.

Nunha rolda de prensa celebrada o luns o equipo do festival deu conta dos primeiros resultados e conclusións desta edición. Miguel Anxo Fernández, director, e Aurelio Gómez, coordinador, acompañados de César Fernández Gil, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, trasladaron aos medios de comunicación o balance dunha edición que consideraron de éxito.

"O festival ano tras ano é un éxito, demandado e querido polo público", destacou César Fernández, quen puxo en valor a amplia programación de actividades paralelas que teñen lugar dentro e fora da cidade de Ourense, deslocalizando o festival e causando impacto en territorios de toda a provincia. O acto en Ribadavia de lembranza da rodaxe do filme Cotolay ou os Roteiros de cinema son algúns exemplos da aposta da 28º edición por destacar a importancia da provincia de Ourense como entorno cinematográfico.

Unha media de 1.000 espectadores diarios gozaron das proxeccións

O programa presentado polo equipo do OUFF executouse ao 100% cunha "gran participación o público en todas as actividades", destacou o director do festival. Proxectáronse 72 filmes, contando as curtas, en 105 proxeccións nas salas repartidas nos cines Ponte Vella, o Teatro Principa e o Auditorio de Ourense. 9.548 pasaron por estas salas, unha media de 1.000 espectadores diarios. Por outra banda, a aceptación do público das películas propostas na sección oficial foi notável, dos 12 filmes presentados a concurso na Sección Oficial Internacional, 9 conseguiron unha puntuación superior a 4 (sendo o 5 máxima puntuación) nas valoracións realizadas polo público ao rematar as proxeccións, nas que participaron o 87% dos asistentes. A película que recibiu máis espectadores foi Un Amor, de Isabel Coixet.

Actividades de formación e apoio aos novos talentos

Miguel Anxo Fernández tamén puxo en valor o papel do OUFF no panorama audiovisual galego: "Queremos ser a porta de saída e entrada para o audiovisual galego", declarou. En primeiro lugar mediante a incorporación a concurso da sección Panorama Galicia, na que "O Corno" de Jaione Camborda foi protagonista. Por outra banda, celebrouse o VII Encontro Estatal de Academias do Audiovisual, organizado pola Academia Galega do Audiovisual. Os programas Fas Muvis e OUFF escola procuraron a implicación dos novos e futuros talentos do panorama galego: "Sn formación, sen o novo talento, calquera festival estaría morto", afirmou Fernández.

Implicación do tecido empresarial ourensá

A cidadanía e o sector audiovisual mostraron unha forte implicación e arraigo co proxecto, como tamén o fixo o tecido empresarial ourensá, un apoio imprescindible para o OUFF. Unha treintena de comercios locais participaron no Concurso de Escaparates. Patrocinadores como La Región, Gadis, Abanca e Corporación Hijos de Rivera mostraron o seu apoio un ano máis e Café Candelas consolidouse como colaborador.

Unha cobertura de calidade nos medios de comunicación

Aurelio Gómez destacou a gran implicación dos medios de comunicación na cobertura do evento nun primeiro avance de resultados. Programas de gran impacto pasaron polo OUFF. No ámbito galego realizáronse pezas para ZigZag, da TVG e grazas á colaboración con Mediaset en distintas estreas e iniciativas o OUFF chegou a Informativos Telecinco ou Tarde AR. A cobertura diaria foi de gran calidade, destacando a presencia en La Región, La Voz de Galicia e Faro de Vigo, onde se publicaron reportaxes e entrevistas.

O OUFF está organizado pola Fundación Carlos Velo e co patrocinio principal da Deputación de Ourense. Son copatrocinadores do OUFF a Xunta de Galicia, Abanca, La Región, Gadis e Hijos de Rivera.

Toda a información do festival en ouff.org