Jorge Pumar representa á Deputación de Ourense no Consello Político de Partenalia

Compartir

Bruxelas, 10 de outubro de 2023.- O deputado de Innovación, Desenvolvemento Sostible e Axenda 2030, Jorge Pumar, representa á Deputación de Ourense no Consello Político extraordinario da Asociación Europea de Gobernos Provinciais Intermedios (Partenalia), que se celebra desde hoxe e ata mañá, mércores, en Bruxelas.

Aínda baixo a presidencia da propia Deputación de Ourense ata 2024, os membros de Partenalia reuníronse na capital belga coincidindo coa celebración da Semana Europea das Rexións e Cidades.

Os asistentes, coa presenza de representantes políticos e persoal técnico das institucións locais intermedias representadas na rede (deputacións de Castellón, Badaxoz, Valencia, Xaén, Tarragona e Almería) participaron en diferentes talleres para captación de fondos europeos, entre eles o dedicado ao papel protagonista das administracións na loita contra a despoboación e a mellora das condicións de vida no rural, co fin de garantir a calidade e igualdade de acceso os servizos públicos nestas zonas.

Neste sentido, Jorge Pumar detallou o problema do despoboamento e envellecemento na provincia de Ourense, formulando a proposta de crear un grupo de traballo dentro de Partenalia para captar fondos europeos que contribúan a loitar contra estes problemas comúns para moitos membros da rede.

O segundo taller da xornada, organizado pola Confederación Europea de Autoridades Intermedias Locais (CEPLI), cuxa vicepresidencia corresponde a Partenalia, centrouse na chamada "Innovación Social", subliñando o papel das institucións locais intermedias como laboratorios de ideas pioneiros en solucións adaptables, resilientes e inclusivas.