A vicepresidenta da Deputación participa na clausura do 25 aniversario da Federación provincial de Mulleres Rurais de Ourense

Compartir

Verín, 22 de outubro de 2023.- A vicepresidenta primeira da Deputación de Ourense, Marta Nóvoa participou hoxe en Verín na clausura do 25 aniversario da Federación provincial de Mulleres Rurais de Ourense. Na súa intervención puxo en valor o traballo realizado por esta entidade desde o ano 1998 como exemplo de "compromiso co rural e coas mulleres rurais" que actualmente conta con 68 asociacións de mulleres rurais federadas de toda a xeografía ourensá, integrando aproximadamente a unhas 70.000 mulleres da provincia.

Marta Nóvoa felicitou a FEMURO polo "seu traballo incesante nestes 25 anos" e animounos a continuar "esta exitosa andaina" que están a transitar para a que poden contar "coa man tendida da Deputación de Ourense". Neste sentido, a vicepresidenta reafirmou o compromiso do goberno provincial coas mulleres que viven e levan a cabo a súa actividade profesional nas zonas rurais de Ourense porque son "as principais aliadas do desenvolvemento social e económico dos territorios".

Mostra dese compromiso da Deputación de Ourense, Marta Nóvoa lembrou que a institución provincial puxo en marcha o proxecto EmprendOU para fomentar a creación de emprego e xeración de riqueza nos territorios rurais da provincia, a través do emprendemento entre a mocidade para dar resposta ao reto demográfico. Salientando que un dos principais logros acadados con este proxecto foi que máis do 50 % das iniciativas están lideradas por mulleres (79 empresas foron creadas por mulleres e 75 por homes), logrando un empoderamento feminino que tivo efectos demostrativos e carácter revulsivo para outras iniciativas de mulleres.