Luis Menor avoga pola colaboración público-privada: “O modelo de cooperación máis seguro para o crecemento económico e o benestar social do territorio”

Compartir

O presidente provincial participou esta tarde na entrega dos Premios Peme do ano 2023 en Ourense, promovidos pola Cámara de Comercio de España e o Banco Santander

Ourense, 29 de novembro de 2023.- Esta tarde tivo lugar a entrega de galardóns dos Premios Peme do ano 2023 en Ourense, promovidos pola Cámara de Comercio de España e o Banco Santander. O presidente provincial, Luis Menor, pechou o acto avogando pola colaboración público-privada como "o modelo de cooperación máis seguro para avanzar no crecemento económico e no benestar social dun territorio".

Menor abondou na colaboración como un dos eixos de xestión da Deputación, "a través de programas e convenios de colaboración con asociacións e sociedades cos que contribuímos á formación de traballadores; promovemos o emprendemento e axudamos a crear emprego; apoiamos a internacionalización; somos convencidos das vantaxes da dixitalización; e loitamos, no conxunto do territorio, por unha provincia máis sostible".

Desde a institución provincial, sinalou, "apoiamos e manteremos todos cantos programas e servizos redunden, a través dos vosos colectivos de representación, na procura dun maior crecemento económico, consolidación do tecido empresarial e benestar social de todas as ourensás e ourensáns".

Sobre os premios, dixo, inciden en factores clave para impulsar a competitividade das nosas pequenas e medianas empresas, que son as que realmente xeran riqueza e emprego nesta provincia", destacando aqueles ámbitos que precisamente impulsan os galardóns, como a formación e emprego, dixitalización e innovación, exportación e sostibilidade.

Neste 2023, engadiu Luis Menor, tocou recoñecer o traballo de cinco empresas, ás que trasladou os seus parabéns, aínda que tamén tivo palabras para o medio cento de pemes que se inscribiron para optar ao premio "e que proceden de todas as comarcas da provincia".