Luis Menor asiste ao Festival Internacional Rebulir
Ramirás, 16 de decembro de 2023.- O presidente provincial, Luis Menor, asistiu hoxe á gala central do Festival Internacional Rebulir (FIR_2023), que este ano celebra a súa décimo oitava edición e que se desenvolve no municipio de Ramirás.
Ata mañá domingo, día 17, celébrase ao abeiro deste festival unha ampla programación en Ourense, Celanova e Ramirás. Entre outras propostas contempla unha feira turística e de promoción, foliadas polas rúas, obradoiros de bailes do mundo, actividades de animación, exposicións ou paneis informativos no Espazo Xove de Ourense, en diversos centros culturais ou na residencia de maiores O Mosteiro, entre outras localizacións.
A gala central tivo lugar esta tarde en Ramirás, coa actuación de grupos de música e baile tradicional de Galicia, Estremadura, Portugal, Bolivia e Senegal. Ademais, nesta gala fíxose entrega dos premios Rebulir 2023 ao actor Luis Zahera, ao músico Xurxo Fernándes e ao programa da Radio Galega 'Lume na palleira', conducido por Emilio Españadero, galardón que lle foi entregado de mans do presidente da Deputación, Luis Menor.