A Deputación e o Consello de Contas organizan un obradoiro sobre prevención e xestión de conflitos de interese para empregados públicos
A vicepresidenta primeira do goberno provincial, Marta Nóvoa inaugurou hoxe xunto ao conselleiro maior, Juan Carlos Aladro, esta xornada que se enmarca no protocolo de colaboración entre ambas institucións co obxectivo de establecer mecanismos efectivos para a prevención e a loita contra a corrupción no sector público local de Galicia
Marta Nóvoa asegurou que o Consello de Contas contará sempre coa colaboración da Deputación de Ourense para "traballar xuntos a prol de iniciativas desta índole que fomenten instrumentos de prevención de riscos de corrupción"
Ourense, 18 de decembro de 2023.- A Deputación de Ourense e o Consello de Contas de Galicia organizan un obradoiro sobre a prevención e xestión de conflitos de interese na administración local de Galicia dirixido a cargos electos e empregados públicos da Deputación e dos concellos e mancomunidades da administración local de Ourense. A vicepresidenta primeira do goberno provincial, Marta Nóvoa e o conselleiro maior, Juan Carlos Aladro, foron os encargados de inaugurar esta xornada, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, xunto ao conselleiro da Área de Corporacións Locais, Simón Rego; a doutora en Dereito e Directiva Pública Profesional -formadora da xornada, Concepción Campos; e o xefe de Formación da Deputación, Carlos Castiñeiras.
Esta xornada formativa enmárcase no protocolo de colaboración que mantén a Deputación de Ourense co Consello de Contas co obxectivo de establecer mecanismos efectivos para a prevención e a loita contra a corrupción no sector público local de Galicia. Neste sentido, a vicepresidenta primeira asegurou que se manterá esta alianza de colaboración para "traballar xuntos a prol de iniciativas desta índole que fomenten instrumentos de prevención de riscos de corrupción".
O programa deste obradoiro inclúe unha presentación do informe do Consello de Contas sobre a xestión dos Fondos Next Generation en entidades locais, a cargo de Simón Rego; e un relatorio sobre a regulación dos conflitos de interese desde a realidade operativa e funcional das entidades locais da man de Concepción Campos. Trala parte teórica, os asistentes dividíronse en grupos para desenvolver talleres prácticos sobre identificación, delimitación e comprensión da figura do conflito de intereses, a xestións dos riscos asociados, as claves para a súa detección e a resolución dos eventuais conflitos.