A vicepresidenta primeira da Deputación de Ourense participa na inauguración do encontro rexional GANVAM
Ourense, 23 de xaneiro de 2024.- A vicepresidenta primeira da Deputación de Ourense, Marta Nóvoa, participou esta mañá na sede da Confederación Empresarial de Ourense, na inauguración do encontro rexional GANVAM que permitiu a concesionarios, compraventas, e talleres da rexión analizar o contexto que vive o sector.
Na súa intervención, Marta Nóvoa agradeceu á entidade GANVAM que escollera Ourense para acoller este encontro rexional afirmando que "a nosa provincia conta cunha importante industria vencellada ao automobilismo". Felicitou a GANVAM "por levar máis de medio século de actividade traballando polos seus asociados, sendo na actualidade a Organización decana e máis representativa da distribución e reparación de vehículos en España".
Así mesmo, a vicepresidenta primeira do goberno provincial aproveitou este foro para recoñecer publicamente o "gran traballo" que realiza en Ourense ACAUTO, integrada por 17 empresas da nosa provincia que xeran máis de 400 postos de traballo directos e unha facturación aproximada de máis de 300 millóns de euros o pasado 2023.