O presidente da Deputación de Ourense participa na inauguración da 47ª reunión anual da Asociación Galega de Hematoloxía e Hemoterapia
Ourense, 1 de marzo de 2024.- O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel na inauguración da 47ª reunión anual da Asociación Galega de Hematoloxía e Hemoterapia.
Na súa intervención, o presidente provincial agradeceu á Asociación Galega de Hematoloxía e Hemoterapia por "escoller a Ourense como sede da súa 47ª reunión anual. Un foro profesional e científico dos hematólogos que exercen en Galicia, que permitirá intercambiar experiencias e promover o coñecemento das enfermidades hematolóxicas e contribuír así a mellorar de maneira integral a atención aos pacientes".
Así mesmo, Luis Menor puxo en valor o traballo que realiza o Servizo de Hematoloxía do Complexo Hospitalario de Ourense destacando o seu "papel no comité organizador e no científico desta reunión anual".