Luis Menor participa na inauguración da exposición "Ourense no tempo", en AFundación

Compartir

Ourense, 4 de marzo de 2024.- O presidente provincial, Luis Menor, participou esta tarde na inauguración da exposición "Ourense no tempo" na sala de exposicións de AFundación. Trátase da sexta das exposicións que se poñen en marcha no marco dun proxecto máis amplo, 'Cidades non tempo', organizada pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, xunto coa Fundación Cidade da Cultura e Afundación.

Esta iniciativa contempla unha exposición en cada unha das sete principais urbes galegas. Tras Santiago, Ferrol, Lugo, A Coruña e Vigo, agora a proposta chega a Ourense co obxectivo de reivindicar a cultura urbana como compoñente clave da identidade de Galicia.

O relato expositivo explora a cidade desde as súas orixes ata a actualidade combinando obxectos de alta cultura e cotiáns, obras de arte, documentación histórica, mapas e planos, recreacións virtuais, fotografías e publicacións. Unha oportunidade de profundar na cidade das Burgas desde moi diversas perspectivas: os fitos históricos e os mitos, o desenvolvemento urbanístico, a economía e a industria, o tempo libre ou a cultura.

No acto inaugural, o presidente da Deputación, Luis Menor, reivindicou a necesidade de mirar cara o presente "sen restar importancia ao pasado, que nos axuda a comprender a nosa identidade".

O presidente provincial tamén felicitou aos responsables da exposición polo acerto á hora de guiar esta visita histórica por unha cidade de interior que foi nó de camiños pola súa situación estratéxica, case como hoxe tendo en conta un dos grandes avances deste século como o AVE: "Ourense no pasado, como encrucillada de camiños, fronte a un Ourense no presente como eixo das comunicacións de altas prestacións".