A Deputación de Ourense presenta en Silleda no Congreso Concellos 2030 a súa experiencia na xestión de residuos e o PERTE de dixitalización da auga
Silleda, 12 de abril de 2024.- O vicepresidente terceiro da Deputación de Ourense, Plácido Álvarez Dobaño, asistiu hoxe á segunda das xornadas do Congreso Concellos 2030, celebrado no marco da feira Expo Municipal, no recinto internacional de Silleda.
O congreso, no que interviñeron como relatores técnicos e responsables de administracións e empresas ligadas á xestión de recursos públicos, abordou temas como o ciclo da auga, aforro enerxético, xestión dos residuos ou mobilidade urbana.
Xunto a Plácido Álvarez, en representación da Deputación participou neste congreso o director da Área de Medio Ambiente da Deputación, Javier Bobe, que en senllos relatorios expuso o traballo que realiza a institución provincial para a prestación dos servizos de recollida de residuos e xestión do ciclo da auga.
Por outra banda, Víctor Comesaña, responsable de operacións de AquaOurense, empresa mixta formada pola Deputación e Viaqua, detallou o proxecto "OU-Intelixente", programa aprobado polo Goberno central no marco da primeira convocatoria específica dos Fondos Next Generation asociada ao PERTE de dixitalización da auga.