Rosendo Fernández participa na presentación da 12ª edición de Funergal

Compartir

Ourense, 13 de maio de 2024.

De carácter bienal, Funergal, Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios, regresa ao calendario de Expourense para celebrar a súa 12ª edición entre o 16 e o 18 de maio de 2024. Será a única feira internacional do sector funerario celebrada na Península Ibérica este ano e tamén o único punto de encontro profesional que ademais de formación especializada e capital relacional, ofrece compra e venda de produtos e servizos funerarios, é dicir, negocio. Á presentación de Funergal acudiu o deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández.

Funergal 2024 conta coa participación de 55 expositores procedentes dun total de 8 países (China, España, Francia, Italia, México, Países Baixos, Polonia e Portugal). Ademais de recibir visitantes profesionais destes 8 países que contan tamén con representación na área expositiva, a esta cifra hai que engadir a dos profesionais que xa confirmaron a súa presenza á feira e que virán a Ourense desde países como Alemaña, Brasil, #Ecuador, O Salvador, Honduras, India, Lituania, Nixeria, Perú, Reino Unido ou Senegal. En total, unha vintena de países representados nesta edición.

Entre os expositores de Funergal 2024 destacan empresas punteiras e asociacións de profesionais do sector que presentarán as últimas novidades e tendencias en produtos e servizos funerarios. Desde Funergal destacan o alto grao de fidelidade por parte dos expositores habituais aos que engadiron outros novos.

O obxectivo fundamental de Funergal é o fomento do negocio, a competitividade e a actualización neste ámbito, ao mesmo tempo que presenta unha ampla oferta de novidades, adaptadas ás necesidades dos distintos visitantes profesionais funerarios (tanto representantes de grandes empresas como outras de carácter familiar), que se achegarán, fundamentalmente, desde distintos puntos da Península Ibérica.