A Deputación investirá máis de 750.000 euros no Concello de Vilamarín no actual mandato co Plan CooperOU

Compartir
 

  • O presidente provincial, Luis Menor, mantivo hoxe unha reunión de traballo na Casa Consistorial de Vilamarín co alcalde, Amador Vázquez, para repasar as diversas liñas de cooperación abertas entre ambas administracións.
  • Un dos temas analizados foi o novo deseño de funcionalidade do Pazo de Vilamarín, no que se está a traballar de xeito coordinado co propio concello, "para dotar de actividades culturais, deportivas e lúdicas a este emblemático edificio", sinalou o presidente provincial.

Vilamarín, 14 de maio de 2024.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, visitou hoxe o Concello de Vilamarín onde mantivo unha reunión de traballo co alcalde, Amador Vázquez, para repasar as diversas liñas de cooperación abertas entre ambas administracións.

Neste sentido, cabe destacar que a Deputación de Ourense investirá máis de 750.000 euros no concello ao longo deste mandato a través do Plan CooperOU, "contribuíndo a dar resposta a numerosos proxectos para este territorio", salientou Luis Menor.

Un dos temas analizados durante o encontro foi o novo deseño de funcionalidade do Pazo de Vilamarín, no que se está a traballar de xeito coordinado co propio concello, "para dotar de actividades culturais, deportivas e lúdicas este emblemático edificio", sinalou o presidente provincial.

Pola súa parte, o Concello de Vilamarín demandou a colaboración da Deputación para dotar ao municipio dun polideportivo que dea resposta á importante actividade existente no territorio. Tamén solicitou un tractor desbrozadora que lle permita realizar tarefas de prevención de lumes e limpeza de estradas, maquinaria concedida no marco do convenio de colaboración entre a Deputación e a Consellería de Medio Rural.