A Deputación colabora coa 62ª Festa do Pulpo do Carballiño que está dedicada á Denominación de Orixe do Ribeiro

Compartir

Ribadavia, 30 de xullo de 2024.

O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, participou esta mañá no Museo do Viño de Galicia en Ribadavia, na presentación da 62ª Festa do Pulpo de O Carballiño que nesta ocasión, está dedicada á Denominación de Orixe do Ribeiro, a máis antiga de todas as DO galegas.

O vicepresidente segundo da Deputación lembrou que esta celebración, que conta coa declaración de Festa de Interese Turístico Internacional, é un dos grandes eventos gastronómicos da nosa provincia que logra atraer cada ano a miles de persoas ao Carballiño para desfrutar dun dos produtos cabeceira da enogastronomía ourensá e galega".

Así mesmo, César Fernández felicitou ao Concello do Carballiño "por institucionalizar esa relación histórica existente entre o pulpo do Carballiño e o Viño do Ribeiro, dous produtos que conviviron historicamente en todas as celebracións das xentes das comarcas do Ribeiro e do Arenteiro".

Na programación da Festa do Pulpo deste ano, está incluído como novidade, unha mostra de viños na praza Maior do Carballiño os días 3 e 4 de agosto desde as 12.00 ás 21.30 horas. Participarán as adegas: Arco da Vella-Adega do Eladio, Adega Viña-Carpazal, Eduardo Bravo, Casal de Armán, Pazo Tizón e Oryctes.