A Deputación de Ourense colabora co XII Congreso Internacional de Socialización do Patrimonio no Medio Rural que reunirá a 150 participantes de 12 países

Compartir

Ourense, 26 de agosto de 2024.

O deputado de Novas Tecnoloxías, Reto Demográfico e Dinamización do Medio Rural, Xosé Miguel Pérez, participou esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel, na presentación do XII Congreso Internacional de Socialización do Patrimonio no Medio Rural que comezará o vindeiro luns, 2 de setembro.

No congreso, que conta coa colaboración da Deputación, reuniranse ao longo dunha semana máis de 150 investigadores, mediadores culturais e emprendedores de ata 12 países. A actividade realizarase nas serras meridionais de Ourense nos Concellos de Os Blancos, Baltar, Calvos de Randín e Muíños.

A programación inclúe, ademais de debates e actividades científicas, música, gastronomía, teatro e cinema da Península, a África lusófona e de toda América Latina.

O congreso tamén permitirá conmemorar os 10 anos da celebración deste mesmo simposio celebrado en Celanova que permitiu que a provincia fora pioneira na defensa do rural como espazo de vida e cultura.