O PP impulsará unha comisión provincial permanente sobre incendios forestais e emerxencias

Compartir
 

A iniciativa é unha “reacción institucional e de repulsa” contra a vaga de incencios que xerou “momentos dramáticos persoais, co falecemento dun veciño de Carballeda de Avia, e criminais desde a perspectiva medioambiental”.

A proposta inclúe fixar protocolos para a defensa da provincia, información en tempo real sobre lumes, plans municipais de prevención e defensa contra incendios forestais, así como petición de axuda desde os gobernos central e autonómico.

Estaría integrada polos grupos políticos representados na Deputación e, de se requerir en calidade de expertos, de membros dos gobernos autonómico e central ou persoas e entidades vencelladas ao sector, a fin de coordinar información e plans de actuacións.

 

O grupo provincial do Partido Popular presentou esta mañá unha moción de urxencia para o pleno de outubro na que propón crear unha comisión informativa especial e permanente “de incendios forestais e emerxencias”, con presenza dos grupos políticos representados na Deputación e, de se requerir como expertos, dos gobernos autonómico e central ou persoas e entidades vencelladas ao sector, a fin de coordinar información e plans de actuación. Unha iniciativa cualificada polos populares como “reacción institucional e de repulsa” contra a actividade incendiaria que sufriu a provincia de Ourense nos pasados días e que xerou “momentos dramáticos desde o punto de vista persoal, co falecemento dun veciño de Carballeda de Avia, e criminais desde a perspectiva medioambiental”.

Para os populares, no marco da defensa dunha visión integral de provincia, a Deputación mostrou toda a súa colaboración nos operativos de extinción de incendios coa cesión de recursos humanos e materiais da propia institución e do consorcio provincial de incendios, así como outras accións como asumir o custo íntegro dos grupos de emerxencia supramunicipal ou a elaboración dun mapa provicnial de emerxencias.

Agora, coa proposta desta comisión, o PP incide na necesidade de consolidar “un modelo de participación, análise e avaliación da situación, perspectivas de mellora e coordinación ante os incendios forestais e emerxencias en xeral”.

Seis serían as atribucións desta comisión, entre elas fixar protocolos para a defensa da provincia ou propoñer a actualización da lexislación para responder ás necesidades do territorio.

Destaca tamén como iniciativa a posta en marcha dun sistema de información a través de dispositivos móviles para que os cidadáns coñezan en tempo real os lumes activos, localización, nivel e os medios e personal que colabora na extinción.

A estas accións engadiríase un Plan de cooperación para que os concellos dispoñan de plans municipais de prevención e defensa contra incendios forestais e os integren nos plans de emerxencia municipais.

Petición de axuda aos gobernos central e autonómico

A moción do grupo popular provincial tamén inclúe a petición de colaboración ao resto de administracións públicas, pedindo ao Goberno de España un programa de axudas para paliar os danos provocados polos lumes, ofrecendo para elo a colaboración dos servizos técnicos da Deputación ourensá.

Tamén se pide ao Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente a inscrición das áreas queimadas nos proxectos de compensación de CO2, a través dos cales estanse a compensar emisións nos ámbitos dos proxectos Clima.

Tanto á administración central como autonómica, a moción solicita medidas urxentes para a recuperación do territorio e evitar a chegada de cinzas aos cursos fluviais polo arrastre que provocarán as esperadas chuvias.