O grupo provincial do PP propón unha liña de colaboración estable para a rehabilitación do campamento romano de Bande

Compartir

Ademais dunha achega económica plurianual, a moción que os populares presentarán ao próximo pleno inclúe axudar á Fundación Aquae Querquennae nas xestións necesarias diante das administracións públicas e outras entidades para fornecer as actuacións que se realicen no complexo arqueolóxico.

O grupo provincial do Partido Popular presentará no último pleno do ano unha proposta para consolidar o apoio ás escavacións e traballos de rehabilitación do campamento romano Aquis Querquennis, no Concello de Bande, mediante unha liña estable de colaboración económica que tería carácter plurianual. Unha colaboración que se ampliaría á Fundación Aquae Querquennae nas xestións necesarias diante doutras administración públicas e entidades para fornecer as actuacións que se leven a cabo neste complexo arqueolóxico, “unha das cuestión histórico-patrimoniais máis relevantes da provincia de Ourense”.

Na súa moción, o grupo popular lembra que este enclave é “o campamento romano máis extensamente escavado de toda a península, podendo compararse, tanto e interese científico como monumental, con moitos dos limes británico, renano e danubiano”.

Para os populares, a pegada dos romanos en Portoquintela, localidade banduense na que se ubica, constitúe todo un referente arqueolóxico que logo de 41 anos de escavacións deixou ao descuberto un importantísimo complexo, no que ademais do propio campamento tamén se pode observar a mansión da Vía Nova, do itinerario de Antonino.

Un lugar que, segundo destaca a moción, se transforma “nun espazo de gran interese cun alto valor turístico e dinamizador da comarca”, ao que se engade o Centro de Interpretación da Vía Nova.

A proposta do PP, que ven de destacar o traballo desenvolvido pola Fundación Aquae Querquennae e polos membros do grupo arqueolóxico Larouco, toma como punto de partida a colaboración activa que a Deputación de Ourense ven de manter nos traballos de rehabilitación, non só coa correspendente dotación orzamentaria senón tamén coa edición da revista Larouco.