O grupo provincial popular propón un plan director para San Pedro de Rocas que garanta a súa protección e promoción

Compartir

O documento, que xa figura no programa de mandato Ourense 15-19 da Deputación, reforzaría a posta en valor do conxunto monacal, o punto da Ribeira Sacra que máis turistas recibe.

O grupo provincial do Partido Popular ven de presentar unha moción para o seu debate no pleno ordinario de outubro no que propón a elaboración un plan director para o mosteiro de San Pedro de Rocas, unha das xoias do patrimonio histórico, arquitectónico, artístico e cultural da nosa provincia.

Declarado como Ben de Interese Cultural no ano 1923 e integrado no catálogo de de monumentos do patrimonio histórico español, o mosteiro de San Pedro de Rocas é o punto da Ribeira Sacra que máis turistas recibe ao ano. Razón máis que suficiente, entende o grupo provincial popular, para priorizar calquera actuación que teña por obxectivo protexer este emblemático símbolo da provincia.

Como titular do conxunto monacal de San Pedro de Rocas, sinalan os populares, a Deputación debe elaborar un plan director que fixe unha serie de obxectivos sobre este espazo, como a súa correcta protección e conservación, así como as obras de restauración que sexan precisas.

Ademais, o plan director debería ter en conta tamén o labor de documentación e investigación sobre o mosteiro e a súa historia, o que vencellado á conservación do conxunto aumentaría o seu valor, facilitaría a súa difusión e promoción e, en consecuencia, incrementaría o número de visitantes que recibe este punto da Ribeira Sacra, con positivas repercusións económicas en toda a zona.

A moción, subliña o grupo provincial popular, é un paso máis no plan do mandato Ourense 15-19, que no seu capítuo adicado á cultura prevé para dispoñer deste documento para xaneiro de 2018, ratificando así o seu compromiso coa protección e promoción do patrimonio artístico, arquitectónico e cultural da provincia, con numerosos exemplos por todo o territorio ourensán.