Jorge Pumar denuncia a política esperpéntica do voceiro socialista e a súa máis absoluta falta de respecto aos grupos políticos e á Deputación
Trala ausencia do grupo socialista na comisión extraordinaria de Transparencia, solicitada por eles mesmos, o vicepresidente segundo afirma que o deputado da oposición só pretende rirse da institución, do seu goberno e dos ourensáns
O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense ven de denunciar a total falta de respecto que o voceiro socialista amosa cara á institución, logo da non comparecencia do seu grupo na comisión informativa de Transparencia e Administración Provincial, convocada hoxe de xeito extraordinario a petición dos propios socialistas.
Para o vicepresidente segundo da Deputación, Jorge Pumar, “o deputado da oposición está instalado nunha política esperpéntica coa que só procura o impacto mediático, esquecéndose dos intereses desta provincia e dos seus habitantes”.
O voceiro dos socialistas tenta utilizar á institución provincial ao seu antoxo, afirma Pumar, “ao solicitar unha comisión extraordinaria á que logo anuncia que non se presentará, desprezando sen vergoña ao resto dos grupos políticos provinciais, que si acudiron á convocatoria”.
Subliña ademais que o deputado da oposición está a rirse da institución, dos seus representantes e dos ourensáns, “mentres el mesmo fai un novo ridículo ao non retirar nin siquera a moción que pretendían debater na sesión extraordinaria da comisión, demostrando así que o verdadeiro obxectivo só era xerar polémica”.