O grupo popular proporá ao pleno un plan de axuda para adquirir desfibriladores para os concellos e a posta en valor do patrimonio artístico da Deputación
Ambas as dúas propostas serán presentadas para o seu debate no pleno do mes de xuño.
No tocante á primeira moción, o vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández, explicou que o obxectivo é conseguir que Ourense teña o estatus de Provincia Cardioprotexida.
Manuel Doval, deputado de Cultura, explicou polo que respecta á segunda das iniciativas que a Deputación quere potenciar e valorizar os importantes fondos artísticos que posúe.
O grupo provincial do Partido Popular na Deputación de Ourense presentou esta mañá o contido das dúas mocións que presentará ao pleno do próximo día 30 e que formulan a redacción dun plan de cooperación cos concellos para a adquisición de desfibriladores e a creación dun inventario do patrimonio artístico da Deputación e a exposición das súas mellores pezas.
O vicepresidente primeiro da institución provincial, Rosendo Fernández, e mailo deputado de Cultura, Manuel Doval, presentaron ambas as dúas iniciativas, as cales ditaminaranse nas correspondentes comisións que se celebrarán nesta semana.
“Propuxémonos como obxectivo conseguir que Ourense teña o estatus de Provincia Cardioprotexida, en coherencia coa visión integral que do noso territorio defende esta Deputación”, dixo Rosendo Fernández ao explicar o contido da primeira das mocións, coa que o grupo popular pretende axudar aos concellos ourensáns na adquisición de desfibriladores que estarían situados nos espazos de maior afluencia de veciños.
O plan de cooperación que nesta materia propón o grupo provincial do PP incluiría unha achega como mínimo do 50 % do custo do aparello, ademais de procurar formación específica para o seu correcto manexo por parte de persoal capacitado.
Para o vicepresidente primeiro, esta iniciativa responde ás recomendacións realizadas pola comunidade médica, que sinala que tras unha parada cardíaca a desfibrilación inmediata procura un 90 % de posibilidades de recuperación, “de tal xeito que os veciños contarían coa protección necesaria fronte a este tipo de urxencias”.
O deputado de Cultura, Manuel Doval, foi o encargado de explicar a segunda das mocións que o grupo popular provincial presentará ao pleno e que propón a creación do inventario do patrimonio artístico da Deputación, así como a posta en marcha dunha exposición das pezas artísticas máis destacadas.
Manuel Doval lembrou que esta iniciativa xa estaba prevista, dentro do ámbito cultural, no plan de mandato Ourense 15-19 e que o seu obxectivo é “potenciar e valorizar os importantes fondos do patrimonio artístico que posúe a Deputación”.
Un patrimonio, engadiu, “que pertence a todos os ourensáns e que forma parte da ourensanía, polo que é a nosa obriga achegalo aos veciños de toda a provincia”. Así, a moción propón que se redacte un programa de difusión por medio de exposicións itinerantes, conferencias e demais actos de contido artístico e cultural. “que ademais vai na liña do plan xa aprobado para dinamizar as infraestruturas culturais de carácter municipal”.