O grupo do Partido Popular pedirá o apoio do pleno da Deputación na procura dun servizo público de transporte provincial e de calidade

Compartir

Xunto a esta iniciativa, o grupo provincial popular tamén pedirá que a Deputación exprese o seu apoio á Festa do Boi de Allariz.

Argimiro Marnotes, voceiro do PP no Carballiño, afirmou sobre a primeira moción que agora que disponen de vías de altas prestacións o transporte público “estanos a alonxar do mundo”.

Luz Doporto, polos populares de Allariz, salientou que “O boi” cumprirá o próximo ano o seu sétimo centenario, apelando “ao respecto ós costumes e as tradicións nunha festa na que non se maltrata ao animal”.

O grupo provincial do Partido Popular na Deputación de Ourense deu a coñecer esta mañá o contido das dúas mocións que presentará ao pleno ordinario do próximo día 27, relativas á mellora dos servizos públicos de transporte entre as vilas e a capital, así como á defensa da Festa do Boi de Allariz.

Na presentación de ambas as dúas iniciativas participaron o coodinador do grupo provincial popular, Pablo Pérez, o voceiro do grupo municipal do PP no Concello do Carballiño, Argimiro Marnotes, o deputado Manuel Doval e a voceira popular en Allariz, Luz Doporto.

Pablo Pérez, no inicio da presentación, quixo salientar que o Partido Popular presentou ambas as dúas mocións con antelación suficiente para que poidan ser dictaminadas polas respectivas comisións, “ás que lles damos contido, permitindo ademáis que os grupos políticos teñan un axeitado coñecemento destas iniciativas; un traballo que é posible grazas aos medios materiais e humanos dos que hoxe, máis que nunca, dispoñen todos os grupos”

Mellora do transporte
A primeira das iniciativas presentadas ten por obxecto instar á Xunta de Galicia e ao Goberno de España á mellora, con carácter inmediato, dos servizos públicos de transporte entre O Carballiño e a capital ourensá, aínda que tamén se solicita de modo xeral a revisión da situación das outras vilas máis poboadas da provincia.

“Non podemos permitir que contando con vías de altas prestacións e estando a 15 minutos de Ourense sexan os propios servizos públicos de transporte os que nos estean a alonxar do mundo”, afirmou o voceiro do PP no Carballiño na súa intervención, na que agredeceu a sensibilidade amosada polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, “cunha vila e comarca na que residen 30.000 ourensáns”.

Marnotes puntualizou que todos os grupos políticos con representación no Concello do Carballiño, ademais de toda a veciñanza, están unidos na demanda dun mellor transporte público, unanimidade que tamén reclamou aos grupos políticos na Deputación xa que, segundo dixo, “esta moción so debe ser enriquecida, nunca rexeitada, e moito menos motivo de desunión na nosa provincia”.

O voceiro popular no Carballiño foi máis aló ao sinalar que a reunión da semana pasada entre o presidente da Deputación e os representantes políticos municipais carballiñeses “non só axudou a ver a problemática que o transporte público está a xerar no noso territorio, senón que amosou que é un problema fácilmente trasladable a outros lugares da provincia”.

Argimiro Marnotes engadiu que con esta moción dase inicio “a unha aposta firme, a prol dun transporte público provincial e de calidade”, lembrando que así figura no Plan 15-19 da Deputación, xunto con outras iniciativas como o servizo de transporte á demanda ou o metro de superficie.

Festa do Boi
A segunda das mocións que o grupo provincial popular presentará ao pleno pretende conseguir o apoio da Deputación á Festa do Boi de Allariz, por se tratar dunha tradición popular con forte arraigo histórico e que trascende a toda a provincia pola súa aportación á oferta turística e á cultura ourensá.

Luz Doporto, voceira do PP no Concello de Allariz, lembrou que o próximo ano esta festa vai cumprir o seu sétimo centenario “polo que apelamos ao respecto ós costumes e as tradicións nunha festa na que non se maltrata ao animal, tal e como afirman algunas asociacións desde distintos medios e con recollida de sinaturas”.

“Como veciños e como grupo municipal cremos na Festa do Boi”, engadiu a voceira popular, lembrando que desde 2006 está considerada como Festa de Interés Turístico de Galicia e conta con todos os permisos legais necesarios para este tipo de celebracións.

Pero, ademais do ámbito da tradición, Luz Doporto tamén falou do impacto económico que supón o boi, xa que segundo dixo durante a fin de semana grande das festas “por Allariz pasan unhas 12.000 persoas diarias e durante a primeira fin de semana entre 3.000 e 4.000 persoas, que en moitísimos casos comen e se aloxan na vila ou en pobos dos arredores e mesmo durante os nove días de festa se chegan a retirar dos caixeiros dos bancos ata 1 millón de euros”.

Doporto agradeceu o apoio amosado polo grupo provincial popular para presentar ao pleno esta moción, “`pois como concello dos concellos a Deputación entende a importancia desta festa, polo que ten de tradición, de historia e de desenvolvemento económico e turístico tanto para Allariz como para a comarca e a provincia”.