Novo ridículo de Ignacio Gómez, esta vez no pleno do Concello de Ribadavia

Compartir

Como alcalde, fai "un rogo" para que a corporación o apoie fronte á "mentira xudicial" que dixo no pleno da Deputación de Ourense.

O alcalde de Ribadavia, que tentou xustificar o seu embuste diante dos representantes dos cidadáns de Ourense, acabou recibindo o rexeitamento maioritario da corporación local.

O deputado provincial Ignacio Gómez volveu protagonizar un novo ridículo político, nesta ocasión no pleno do Concello de Ribadavia, onde fixo “un rogo” ao remate da sesión plenaria –petición que como alcalde non lle corresponde- para pedir o apoio da corporación local fronte á “mentira xudicial” na que el mesmo incorreu no pleno da Deputación de Ourense do pasado xoves, ao negar que estivese implicado en ningún proceso xudicial. Pola contra, tal e como desvelou a deputada do PP Montserrat Lama, Ignacio Gómez si está inmerso nun proceso xudicial debido á demanda presentada contra el como alcalde de Ribadavia por un traballador deste concello.
O esperpento político de “míster casta” chega xa a límites imprevisibles no ámbito político pois tenta xustificar a súa mentira amparándose no pleno da corporación local de Ribadavia e pedíndolle aos concelleiros que o apoien nesta falsidade. Evidentemente, os membros da corporación local rexeitaron maioritariamente tal apoio, e Ignacio Gómez volveu quedar en ridículo, agora diante dos representantes dos cidadáns de Ribadavia, que non se prestaron á nova pantomima política que protagonizou Ignacio Gómez nunha fuxida desesperada para zafarse do seu propio embuste.
Ignacio Gómez mentiu ao asegurar que o seu nome nunca figurara nunha denuncia ou proceso xudicial, algo que as probas rexeitan e convérteno no deputado mentireiro da corporación provincial, ao ter o descaro de mentir ata en tres ocasións nunha mesma sesión plenaria, pois ademais desta “mentira xudicial”, mentiu na pasada sesión plenaria ao acusar ao alcalde de Ramirás de impedir a asistencia a un pleno dunha deputada socialista, e mentiu tamén ao dicir que o presidente da Deputación non responde as preguntas escritas, feito polo que tamén quedou en evidencia ao acreditarse documentalmente que todas as preguntas foron respondidas polo presidente.
Esta é unha mostra máis do carácter e da forma de facer dun “mentirán político compulsivo” como é Ignacio Gómez, a quen ben se lle podería aplicar o dito de: “Quen moito abrangue pouco aperta” porque vese ben ás claras que para facer o ridículo non fai falta ter moitos cargos políticos.