Comunicado do grupo provincial do Partido Popular sobre a canceira de Melón
O grupo provincial do Partido Popular de Ourense desminte as declaracións do portavoz socialista sobre a canceira de Melón, aclarando que esta instalación non forma parte da rede provincial de recollida de animais abandonados e que non recibe investimentos desde 1988. O PP insta ao portavoz da oposición a deixar de crear polémicas baseadas en mentiras que prexudican a imaxe deste servizo.
O grupo provincial do Partido Popular, en referencia á canceira de Melón, expresa o seu máis absoluto rexeitamento ás declaracións do portavoz da oposición socialista, que insiste unha e outra vez en facer interpretacións interesadas e mentir sen decoro algún sobre o convenio para a recollida de animais abandonados.
Neste sentido, o grupo popular quere aclarar, definitivamente esta cuestión sinalando o seguinte:
• O 4 de xaneiro de 2013, o Boletín Oficial da Provincia publicou o convenio que habería de rexer a xestión, por parte da Deputación, “do servizo de recollida de animais abandonados dependentes dous centros de recollida actualmente situados en Xinzo de Limia e O Carballiño e nos futuros centros de recollida situados en Melón, Muíños e A Rúa”.
• Como “futuro centro”, o Concello de Melón solicitou a incorporación da súa canceira á rede provincial, pero un informe da Deputación do 29 de outubro de 2014 rexeitaba esa petición ao non cumprir os requisitos esixidos.
• A canceira de Melón non presta hoxe ningún servizo, está pechada e non hai adscrita a ela ningún empregado da Deputación.
• Na propia web da Deputación (mediorural.depourense.es) pódese comprobar que en ningún lugar figura o Concello de Melón como centro de acollida.
• Na actualidade, o Concello está adherido ao convenio, pero só como usuario dos servizos de lacería e albergue de animais. É potestade do servizo decidir a que centro dos catro actuais -Carballiño, Xinzo de Limia, Baixa Limia e Valdeorras- trasládanse os animais recolleitos.
• Entre finais de febrero e principios de marzo, o Negociado de Vías e Obras, a sección de Subvencións e mailo servizo de Medio Rural deron resposta ás sete preguntas formuladas polo grupo socialista da oposición nas que solicitaba os datos económicos da rede de canceiras, os concellos que forman parte da mesma e as solicitudes de incorporación pendentes, o número de animais recollidos, o persoal adscrito e investimentos e subvencións recibidos pola canceira de Melón.
• Os distintos departamentos deixan totalmente claro que as instalación de Melón non pertencen á rede provincial, non recibiron investimento algún desde 1988 nin desde a posta en marcha da rede, como tampouco recibiu ninguna subvención.
Por todo o exposto, o grupo provincial do Partido Popular de Ourense insta o portavoz da oposición a que poña fin a unha polémica só xerada polas súas ansias de protagonismo, aínda á conta de mentir e que só prexudica a imaxe dun servizo máis co que a Deputación presta a súa axuda aos concellos da provincia, entre eles o de Ribadavia.