Os socialistas piden regular os plenos da Deputación que tentan rebentar

Compartir

O vicepresidente da Deputación, Jorge Pumar, defendeu a compatibilidade da asistencia aos plenos co debate democrático, rexeitando as accións de boicot dos socialistas. Destacou que os plenos deben ser espazos para a toma de decisións e non para insultos, lembrando que a asistencia é accesible en liña. Pumar criticou a actitude dos socialistas e puxo de manifesto que, baixo a presidencia de Manuel Baltar, non houbo restricións para representantes de colectivos.

A asistencia como oíntes aos plenos da Deputación é incompatible co noxento intento socialista de boicotear os plenos dunha institución democrática, declarou o vicepresidente segundo da Deputación, Jorge Pumar, quen lembra que estas sesións poden seguirse dende calquera punto do mundo a través da súa web “e no propio salón gardando o debido respecto institucional que os socialistas atacan constantemente”.
Jorge Pumar sinala que os socialistas “fan do insulto e da calumnia a súa razón de ser, cuestión incompatible coa convivencia como esencia da democracia”. O vicepresidente segundo lembra que está acreditado que baixo a presidencia de Manuel Baltar “tomaron a palabra representantes de colectivos e membros de plataformas sen ningún tipo de cortapisa”.
O grupo popular avoga polo perfeccionamento do sistema actual que nunca debe permitir “atacar en todos as frontes” nin a institución nin aos seus representantes como tentaron os socialistas ourensáns, tal e como quedou acreditado.
Segundo afirma Jorge Pumar, os plenos da Deputación son para tomar decisións de ámbito provincial e para debater iniciativas políticas, “non para insultar aos membros da corporación nin aos asistentes, e moito menos para deixar en evidencia as carencias democráticas e cívicas dos de sempre”.
A errática e antidemocrática deriva dos socialistas ourensáns non lles permite ver a viga no seu propio ollo, engadiu Pumar, lembrando o que sucedeu no salón de plenos do Concello de Calvos de Randín, “cando non se pudo debater a moción de censura”. Daquelo, dixo, o salón estaba “ocupado entre outros pola mesma responsable de organización que tentou movilizar hai días para atacar en todas as frontes na Deputación”, dando mostra do seu xenio e figura.