Creada unha comisión informativa para o estudo da xestión dos proxectos Daredo e Deputrans

Compartir

A Deputación de Ourense constituíu unha comisión para investigar a xestión dos proxectos Daredo e Deputrans, cun prazo dun mes para emitir o seu ditame.

A instancias do grupo provincial do PP, a Deputación creou unha comisión informativa de carácter especial, cuxo obxecto será o estudo da xestión dos proxectos Daredo e Deputrans. A comisión axustarase ás seguintes regras:

a)A comisión estará integrada polo presidente, ou deputado no que delegue, e un representante de cada grupo político e de conformidade co establecido no artigo 103.1.b) en relación cos artigos 68 e 66.2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia e 6.1 do Regulamento Orgánico da Deputación a comisión funcionará en réxime de voto ponderado, coa seguinte desagregación:

Presidente: 1 voto
Grupo Popular: 4 votos
Grupo Socialista: 3 votos
BNG: 1 voto
b)A designación dos representantes da comisión corresponderalle a cada grupo político, mediante escrito dirixido á Presidencia polo portavoz de cada grupo, no que se poderán incluír os suplentes que se consideren necesarios.

c)A primeira sesión da comisión será convocada o luns, 30 de setembro e terá lugar o xoves, 3 de outubro. A comisión levará a cabo o seu traballo conforme co calendario de sesións que estableza a propia comisión, debendo rematar o seu labor coa emisión dun ditame no prazo de 1 mes.

d)A comisión poderá solicitar os informes e asesoramentos que considere oportunos, así como acordar a práctica das probas que se estimen pertinentes para o esclarecemento dos feitos.

e)Os empregados públicos ao servizo da Deputación Provincial estarán obrigados a comparecer ante esta comisión co obxecto de prestar declaración se así se lles require.