A Deputación creará unha comisión de investigación para garantir a máxima transparencia na xestión dos proxectos Daredo e Deputrans
A Deputación de Ourense creará unha comisión de investigación para analizar as supostas irregularidades dos proxectos Daredo e Deputrans, tras un informe da OLAF, mentres que o seu presidente, Manuel Baltar, asegura que a institución presentará alegacións que demostrarán a legalidade da súa actuación e a falsidade das acusacións.
A Deputación de Ourense creará unha comisión de investigación, a petición do presidente da institución, Manuel Baltar, para analizar as presuntas irregularidades detectadas pola Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF) nos proxectos Daredo e Deputrans, segundo a investigación iniciada a raíz dunha denuncia de carácter anónimo, ao parecer, presentada por un empresario que traballa no ámbito da depuración de augas.
O presidente provincial compareceu hoxe diante dos medios de comunicación para informar da presentación dunha moción no pleno do vindeiro venres na que se solicita a creación da comisión de investigación, e afirmar que a Deputación de Ourense presentará alegacións a todas as consideracións sinaladas pola OLAF no seu informe —que só ten carácter informativo pero non vinculante— por entender a institución provincial que non existen tales irregularidades, e por este motivo está a redactar as pertinentes alegacións que remitirá ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas nos vindeiros días, alegacións que acompañará de probas contundentes que demostrarán, segundo os servizos técnicos e xurídicos da Deputación, a falsidade das imputacións efectuadas pola OLAF.
O Ministerio de Facenda, seguindo unha recomendación da OLAF, ven de comunicar á Deputación de Ourense o inicio dun procedemento de reintegro das subvencións percibidas pola Deputación no marco dos proxectos Daredo e Deputrans, referido á contratación de subministros de depuradoras e asistencias técnicas nos anos 2003 e 2004 por importe de 10.123.053,05 €.
Manuel Baltar subliñou "o firme compromiso de "transparencia total" por parte da Deputación de Ourense, polo cal quere chegar ata o fondo da cuestión investigando, indagando e analizando todos e cada un dos temas referidos á xestión destes proxectos que refire o informe da OLAF, para despexar calquera dúbida que poida plantexarse", e subliña que, segundo os técnicos "en todo este proceso actuouse conforme á legalidade e á normativa vixente".
Tamén sinalan os técnicos do ente provincial que o proceso de adxudicación das depuradoras xa foi obxecto de investigación por parte da Fiscalía de Ourense no ano 2008, segundo se desprende do informe da OLAF, e ditas dilixencias foron arquivadas segundo auto ditado polo Xulgado de Instrución nº 2 de Ourense en marzo de 2009 ao non apreciar a existencia de feitos delictivos.
Ademais, e con independencia do dito anteriormente, os técnicos da Deputación de Ourense consideran que o expediente de reintegro iniciado polo Ministerio de Facenda debe arquivarse, dado que, ademais de ser improcedente por todo o antedito, a acción atópase totalmente prescrita.
Os argumentos das alegacións que exporá a Deputación baséanse en que as prescricións técnicas do prego respectan escrupulosamente a lei e a OLAF non sinala ningunha normativa que se vulnere. Tamén alega o ente provincial que a Deputación, como calquera outra administración pública, ten dereito a establecer as prescricións técnicas que considere máis convenientes para garantir a máxima calidade dos subministros que adquire.
En todo caso, a OLAF admite no seu informe que a Deputación de Ourense está a facer "un seguimento axeitado da utilización das prantas depuradoras" e que "dispón de recursos técnicos e xurídicos suficientes para asegurar a súa posta en marcha, no caso de que as prantas estean inutilizadas por causas imputables a algún municipio".